Logo de dous meses confinados na casa, os galegos e galegas aprendemos a valorar os pequenos detalles; eses que antes, na “vella normalidade”, pasaban desapercibidos. Ir mercar o pan, preparar o almorzo ou, simplemente, abrir unha billa e ver correr unha auga que nos recordaba que alí fóra, a vida tamén seguía correndo e había que quedar na casa para poder volver a ela máis cedo que tarde. Pero non todos quedaron na casa, moitos continuaron traballando para que outros puideran quedar no fogar; é o caso dos que coidan da auga.
As empresas especializadas no coidado de auga foron precursoras na adopción de medidas para poder seguir cumprindo co seu traballo e asegurar o abastecemento desta substancia vital para o ser humano. Esas entidades dotáronse de plans de continxencia, con gardas de persoal técnico especializado e remanente de reactivos suficientes para garantir o correcto funcionamento das estacións de tratamento de auga.
O traballo dos profesionais do sector da auga foi e é esencial para asegurarlles aos cidadáns auga de calidade e en cantidade, un recurso sempre básico na vida cotiá, pero aínda máis nestas circunstancias excepcionais. Precisamente para garantir o abastecemento e a seguridade sanitaria, tamén a Xunta reforzou a coordinación coas principais empresas públicas e privadas operadoras do sector en Galicia.
A través dos técnicos de Augas de Galicia e das empresas colaboradoras, o goberno galego está intensificando as accións de control e tratamento da auga, achegando o seu apoio técnico e financeiro aos Concellos para dotalos das instalacións necesarias. Sen embargo, no só se trata de construír infraestruturas como estacións depuradoras e potabilizadoras, senón tamén de mantelas e conservalas para asegurar o seu funcionamento. Destas tarefas encárganse profesionais especializados, xa sexan dependentes das administracións ou das correspondentes concesionarias.
Pero, o coidado da auga tamén é unha responsabilidade de todos e todas, pois, coidando dela, coidamos de nós. É por iso que debemos manter uns hábitos de consumo responsables, tan sinxelos como o foi lavar as mans estas últimas semanas para frear o virus. Precisamente en xestos como este, o de lavar as mans, compre evitar gastar máis da conta. Ducharse en lugar de bañarse; non deixar a billa aberta ao cepillar os dentes ou fregar a louza; instalar dispositivos de aforro ou reutilizar a auga son algúns exemplos doados para conservar este recurso imprescindible para a vida.
E tan importante é non malgastar a auga coma preservar a súa calidade. Para iso debemos evitar verter polo desaugadoiro substancias contaminantes ou produtos de hixiene como bastonciños dos oídos, toalliñas ou incluso as máscaras de uso obrigatorio na actualidade. Estes residuos dificultan o funcionamento das depuradoras, prexudican o medio ambiente e incrementan o gasto e o traballo das administracións públicas e empresas para paliar os seus efectos negativos.
Agora, máis que nunca, compre pensar na saúde e coidar dos que nos coidan. Coidemos da auga, porque a auga é saúde.





