spot_img
InicioLatinoaméricaO Ministerio de Turismo de Uruguai interésase polo desenvolvemento e promoción do...

O Ministerio de Turismo de Uruguai interésase polo desenvolvemento e promoción do turismo rural de Galicia

o-ministerio-de-turismo-de-uruguai-interesase-polo-desenvolvemento-e-promocion-do-turismo-rural-de-galicia

Benjamin Liberoff, viceministro de Turismo de Uruguai, afirma que Galicia é un referente internacional no desenvolvemento e promoción do turismo rural e na consolidación de destino de natureza

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, recibiu hoxe na sede da administración turística galega, en Santiago de Compostela, ao viceministro de Turismo de Uruguai, Benjamin Liberoff. A reunión contou tamén coa presenza da directora de Promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita, e o responsable da área de Innovación Turística, Jorge Barreiro.

O encontro xurde tras a reunión celebrada pola directora de Turismo de Galicia e a ministra de Turismo de Uruguay, Liliam Kechichian, no marco da 36 edición da Feira Internacional de Turismo de Madrid, Fitur, co obxectivo establecer orientacións definidas en común dirixidas ao desenvolvemento dunha colaboración en materia de turismo entre ambos territorios.

Durante o encontro, o viceministro de Turismo de Uruguai puido coñecer de primeira man as iniciativas que dende a Xunta de Galicia estanse levando a cabo para consolidar Galicia como un destino diferencial e multiexperiencial e combater, así, a desestacionalidade.

Neste senso, o viceministro uruguaio interesouse de maneira especial polo desenvolvemento levado a cabo en Galicia no eido do turismo rural, concretamente, por asuntos relacionados coa innovación turística como a implantación das novas tecnoloxías e plataformas de comunicación como ferramentas para comunicar, percibir, comercializar e vender servizos de turismo activo.

Benjamin Liberoff afirmou que Galicia é un referente internacional no desenvolvemento e promoción do turismo rural e na consolidación de destino de natureza.

A directora de Turismo de Galicia explicoulle que desde a Xunta de Galicia apóstase firmemente polo turismo rural fomentando o seu desenvolvemento e impulsando a súa innovación, calidade e competitividade.

Nesta liña, Nava Castro faloulle do Plan Integral de Turismo de Galicia, o cal centra unha das súas liñas estratéxicas no fomento do talento e o aproveitamento das novas tecnoloxías para acadar un sector competitivo e un destino intelixente, e das diversas iniciativas que dende Turismo de Galicia se poñen en marcha para o impulso de melloras na xestión e na innovación do sector, incidindo no Plan Smart Turismo que está a impulsar a modernización e a competitividade do sector galego a través das TIC.

Nava Castro presentoulle, así mesmo, o servizo de reservas online de aloxamentos de turismo rural desenvolto por Turismo de Galicia e xestionado dende este ano polas asociacións galegas que agrupan este tipo de establecementos –Fegatur, Agatur, Agarimo e Pazos de Galicia-.

Tras o encontro, o viceministro de Turismo de Uruguai realizou unha visita ao Centro Superior de Hostalería de Galicia, un referente internacional no ámbito da formación tanto hostaleira como turística.

A directora de Turismo de Galicia amosouse satisfeita pola visita do representante do goberno de Uruguai e afirmou que constitúe un paso máis na relación de colaboración entre Galicia e Uruguai, e unha mostra máis da aposta de Turismo de Galicia pola promoción da oferta turística galega nos mercados emerxentes máis interesantes do panorama internacional.

- Publicidade -spot_img