A convocatoria enmárcase no Programa Nacional de Medidas de Axuda á Apicultura e conta cun orzamento de 300.000 euros.
O Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente publicou onte, no Boletín Oficial do Estado, unha resolución do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA), pola que se convocan, para o ano 2016, subvencións destinadas a agrupacións de produtores para a realización de proxectos de investigación aplicada e innovación no sector apícola. Este é o primeiro ano que se convocan estas axudas, dirixidas a proxectos que teñan unha duración máxima dun ano.
Estas subvencións enmárcanse nas bases reguladoras establecidas mediante a orde AAA/2571/2015, do 19 de novembro, para a concesión de subvencións para a realización de proxectos de investigación aplicada ao sector apícola e os seus produtos, dentro do Programa Nacional de Medidas de Axuda á Apicultura.
Poderán ser beneficiarios das subvencións as cooperativas, sociedades agrarias de transformación e agrupacións de defensa sanitaria que cumpran os requisitos establecidos nas devanditas bases reguladoras.
O prazo de presentación de solicitudes é de quince días hábiles, a contar desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no BOE. Por tanto, a data límite de presentación será o 18 de febreiro, inclusive. Ditas solicitudes presentaranse por vía telemática, a través da sede electrónica do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.
Nesta sede electrónica atópanse dispoñibles distintos documentos para o enchemento das solicitudes, así como os datos de contacto para a resolución de dúbidas relativas a esta solicitude.
APOSTA POLA I+D+i
Unha das prioridades do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente foi a aposta clara pola I+D+i. Neste sentido, a primeira convocatoria para o sector apícola conta cun orzamento inicial de 300.000 euros, dentro do Programa Nacional de Axuda á Apicultura. Trátase dun Programa incluído nas ferramentas de mercado do primeiro alicerce da Política Agrícola Común (PAC), cofinanciado ao 50% pola Unión Europea, a cargo do FEAGA.
Concretamente, esta convocatoria corresponde á liña F do Programa, que ten o obxectivo de promover a cooperación do sector con organismos especializados para crear programas de investigación aplicada no sector da apicultura.




