O MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, continúa a programación do Ano Castelao cunha xornada protagonizada pola escritora, sociolingüista e profesora Pilar García Negro, autora do ensaio Arredor de Castelao no século XXI , reeditado por Laiovento neste ano 2025.
Comezará a sesión cunha charla-coloquio sobre a figura de Castelao como recurso didáctico, dirixida preferentemente a profesorado e aberta a outras persoas interesadas en participar, seguida da presentación do libro.
Na súa obra Arredor de Castelao no século XXI, Pilar García Negro aborda temas como a visión política de Castelao sobre a autonomía e soberanía de Galicia, a súa obra artística, con especial foco no seu traballo como debuxante e humorista gráfico, o seu compromiso coa lingua galega e o seu papel na normalización cultural, e a vixencia das súas ideas no debate contemporáneo.
Alén do debate teórico, esta charla-coloquio con García Negro ofrecerá ao profesorado, estudantes, e a calquera outra persoa interesada, unha oportunidade única para redescubrir a actualidade e a inspiración que emana da figura de Castelao, moi especialmente na súa dimensión educativa e didáctica.
A xornada, coordinada por Ramón Rozas, terá lugar na sala Galería A3, que nesta tempada acolle a mostra documental Castelao grafista.
Arredor de Castelao no século XXI é unha coidada reedición dun clásico imprescindible, publicado orixinalmente en 2001 e agora actualizado para conmemorar o 75º aniversario do falecemento de Castelao, unha das figuras máis relevantes da cultura galega do século XX. Esta obra, editada por Laiovento, ofrece unha análise profunda e contextualizada do seu pensamento e legado.




