Esta mañá en Baiona, escolares e voluntarios dos espazos+60 Afundación pintaron un muro con pinturas anticontaminantes e informaron os viandantes sobre o impacto do lixo que lanzamos directamente á rede de sumidoiros pública, obxecto da campaña
Afundación puxo en marcha hoxe, en colaboración co Concello de Baiona, a campaña de actuación e sensibilización «O mar empeza aquí», no marco do programa da Obra Social de ABANCA, «Educación para a sostibilidade» co que se pretende promocionar un conxunto de boas prácticas ambientais que, cun escaso esforzo pola nosa banda, permiten concienciarnos sobre a inmensa relevancia das pequenas accións do noso día a día.
«O mar empeza aquí» forma parte dun movemento internacional para visibilizar a facilidade coa que residuos urbanos como papeis, plásticos, cabichas ou outros elementos de tamaño reducido, que se lanzan nas rúas ou directamente nos sumidoiros, poden acabar directamente no mar. A campaña implementarase noutros municipios galegos que queiran sumarse á iniciativa.
O director xerente de Afundación, Pedro Otero; o alcalde de Baiona, Jesús Vázquez; a directora de Zona Vigo Sur de ABANCA, Ángela Rodríguez e a subdirectora da oficina de ABANCA en Baiona, Patricia Pérez, foron os encargados de presentar esta mañá a iniciativa, que arrincou coa creación dunha instalación artística na contorna dun sumidoiro, visibilizando o impacto dos residuos que vertemos ás redes de pluviais. Para incidir nesta mensaxe, escolares do CEIP Fontes Baíña de Baiona e voluntarios dos espazos +60 de Vigo e Pontevedra sinalizaron distintos puntos da localidade co lema da campaña, «O mar empeza aquí» e informaron os viandantes sobre como «cun escaso esforzo pola nosa banda, as pequenas accións do noso día a día poden ter unha gran relevancia. Un dato revelador é que en España calcúlase que se tiran ao chan máis de 70 millóns de cabichas ao día e unha soa cabicha pode contaminar máis de 10 litros de auga».
Con idéntico obxectivo e, empregando a arte como ferramenta de concienciación, os escolares e voluntarios dos espazos+60 Afundación pintaron no Parque Infantil do Descubrimento un muro con pinturas fotocatalíticas, que teñen a capacidade de absorber gases contaminantes, como mensaxe permanente da importancia de actuacións preventivas como a iniciada hoxe en Baiona para estender un compromiso común, consciente e constante, coas boas prácticas.
«EDUCACIÓN PARA A SOSTIBILIDADE»
O programa «Educación para a sostibilidade», primeiro premio nacional de Medio Ambiente de CECA, promove o sentido de pertenza e de responsabilidade no coidado da contorna. Mediante unha implementación transversal a todas as áreas de Afundación, o obxectivo reside en inculcar prácticas sostibles entre unha xeración consciente e comprometida, e animar, con iso, a máis xente a sumarse a un futuro sostible. A partir dunha programación variada, dinámica e innovadora, proporciona coñecemento para entender os desafíos ambientais e empoderar aos máis novos para ser axentes de cambio, reforzando a súa autonomía e responsabilidade no camiño cara a un maior compromiso sostible.
Así, tanto mediante accións directas de voluntariado na limpeza de areais ou replantación forestal, actividades didácticas derivadas de exposicións de contido ambiental, iniciativas que combinan prácticas sostibles con expresión artística como «Plantando árbores con pinceis», ou as que se desenvolven en Naturnova, o centro de educación ambiental de Afundación, único en Galicia, o propósito é concienciar sobre a necesidade dun firme compromiso sostible coa participación dun gran número de públicos de toda a xeografía galega. No ano 2024, máis de 200.000 persoas se involucraron a través de toda esta diversidade programática, coa Obra Social de ABANCA, na protección directa das nosas contornas.
MES DO MEDIO AMBIENTE
Coa campaña «O mar empeza aquí», Afundación inicia unha completa programación durante o mes de xuño, con motivo da celebración dalgunhas das efemérides incluídas no calendario de conmemoracións internacionais da ONU, como o Día Mundial do Medio o próximo 5 de xuño e o Día Mundial dos Océanos o día 8, para incidir nas mensaxes que proxecta durante todo o ano a través do seu programa «Educación para sostibilidade».
A programación continuará con distintas actuacións de limpeza de residuos e eliminación de especies invasoras desenvolvidas, como «O mar empeza aquí», no marco do Plan de Conservación Territorial On, PLANCTON, un proxecto que permitiu desde 2021 a retirada de máis de 130 toneladas de lixo mariño das costas e areais galegos. Ademais, neste mes do Medio poñerase en marcha a cuarta edición de «Goza da praia sen deixar pegada», a campaña de boas prácticas para turistas, organizada en colaboración co sector pesqueiro galego.
O Centro Interactivo da Educación Ambiental de Afundación, Naturnova, situado en Vigo, tamén creou unha programación especial durante os meses de xuño e xullo, con xornadas de portas abertas e talleres.
Así mesmo, para favorecer a divulgación e a participación activa, a área de Cultura da Obra Social de ABANCA programa durante todo o ano exposicións de contidos ambientais nas propias sedes de Afundación, en espazos exteriores e nos concellos participantes no programa «Corrente cultural». O obxectivo é facer un chamamento á acción e á reflexión, apreciando a diversidade da natureza desde moi diferentes enfoques e asumindo a responsabilidade da súa conservación. Este mes de xuño, ademais das mostras que se poden visitar en Galicia, programáronse dúas propostas tamén en Madrid, «Comedy Wildlife», no Museo Nacional de Ciencias Naturais e «Os parques nacionais de España», que se inaugura hoxe no Parque do Retiro.



