spot_img
InicioVal MiñorGondomarO IEM dedica el mes de novembro a Victoriano Taibo con recitais...

O IEM dedica el mes de novembro a Victoriano Taibo con recitais diarios dos catorce poetas premiados

O IEM dedica el mes de novembro a Victoriano Taibo con recitais diarios dos catorce poetas premiados Hai doce anos que a Entidade Menor de Morgadáns iniciou co IEM o Certame de Poesía Victoriano Taibo; e hai catro que este premio forma parte das actividades culturais do Concello de Gondomar en colaboración co Instituto de Estudos Miñoráns. En palabras dos responsables destas institucións, foi unha decisión dolorosa suprimir a convocatoria do Premio Victoriano Taibo neste ano de pandemia 2020.

O grupo de traballo PUGA (Promoción do Uso do Galego), integrado no IEM, que hai dous anos celebrou a Semana Poética Victoriano Taibo enchendo de poemas os balcóns de Gondomar, non quixo que unha das figuras máis relevantes do Val de Miñor quedase silenciado este ano. Taibo, a máis de ser o mestre de Morgadáns durante vinte anos (1930-50), foi fundador das Irmandades da Fala e Académico da Lingua Galega. Nas súas reflexións deixounos esta encomenda: “A misión do literato galego é devolver ó seu país a súa propia fala, todo o arrequentada que se queira, con todos os neoloxismos e tecnicismos que a ela lle conveñan; pero limpa e escorreita, axeitada para as xurdias angueiras do sentimento e do intelecto”. Este é un dos obxectivos do grupo PUGA que levaos a organizar o programa Novembro con Taibo que presentan hoxe.

Catorce foron as obras premiadas nos doce anos do Certame de Poesías Victoriano Taibo, seleccionadas entre centos de concursantes. “A calidade dos catorce libros editados polo IEM, obríganos a editar este ano unha serie de vídeos poéticos que difundan, cos novos medios de comunicación, unhas mostras da literatura que pedía Taibo para a nosa lingua, expresión de sentimentos e pensamentos propios.”

“Estamos en contacto con moitas persoas afectadas pola complexa situación actual. Pasará a pandemia e o noso futuro seguirá dependendo de nós e do patrimonio que fomos capaces de conservar vivo. Boa parte dese patrimonio é a nosa lingua galega cultivada por todos os falantes e de xeito singular polo colectivo de poetas que hoxe nos acompañan para esta homenaxe a Victoriano Taibo”, subliñan os organizadores.

“Desde o San Martiño ata o Santo André celebraremos este Novembro con Taibo como unha oportunidade de ir dándolle corpo interior a este Val de Miñor que queremos cada día máis artellado como unha célula de universalidade como nos aprendeu Victoriano Taibo e os mestres xa centenarios da Xeración Nós.”

Novembro con Taibo arrancará hoxe coa presentación deste evento e a partir de mañá, 11 de novembro, cos recitais diarios dos catorce poetas premiados ao longo destes anos no Victoriano Taibo. 

Mércores, 11/11/20  Carlos Negro (2008)

Xoves, 12/11/20  Carmen Caramés (2009)

Venres, 13/11/20  Elvira Riveiro (2009)

Luns, 16/11/20  Silvia Penas (2009)

Martes, 17/11/20  María Goretti Fariña (2010)

Mércores, 18/11/20  Calros Solla Varela (2011)

Xoves, 19/11/20  María Concepción Álvarez Lebredo (2012)

Venres, 20/11/20  Ramón Sandoval Pérez (2013)

Luns, 23/11/20  Lara Rozados Lorenzo (2014)

Martes 24/11/20  Iñaki Varela Pérez (2015)

Mércores, 25/11/20  Xosé Iglesias Lamela (2016)

Xoves, 26/11/20  Rafa Vilar (2017)

Venres, 27/11/20  Laura Ramos  Cuba (2018)

Luns, 30/11/20  Fran Davila (2019)

- Publicidade -spot_img

[adrotate group="3"]
[adrotate group="2"]
[adrotate group="4"]
[adrotate group="5"]

Información das cookies

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecelo cando volves ao noso sitio web e axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.