Inicio O Morrazo Bueu O GALP Ría de Pontevedra destinará as axudas europeas a trece proxectos...

O GALP Ría de Pontevedra destinará as axudas europeas a trece proxectos da área da ría

No peirao de Bueu as nasas esperan a retomar a súa actividade na procura do polbo
Nasas no peirao do porto de Beluso

A xunta directiva do Grupo de Acción Costeira (GALP) da Ría de Pontevedra reuniuse este xoves en Bueu para seleccionar os proxectos que optan provisionalmente á primeira convocatoria anual das axudas da Consellería do Mar e do Fondo Europeo do Mar (FEMP), xestionadas polo GALP.

Das vinte e dúas solicitudes recibidas seleccionáronse finalmente trece, seis correspondentes a proxectos de carácter produtivo e sete a proxectos non produtivos. A escolma recolle iniciativas do máis diverso que van desde a conservación e posta en valor de embarcacións tradicionais ata melloras en prazas de abastos ou adquisición de equipamentos para confrarías de pescadores.

Trátase de seis proxectos produtivos e de sete non produtivos

O propósito dos fondos europeos xestionados polo GALP Ría de Pontevedra é promover o desenvolvemento do tecido socioeconómico do territorio que comprende os concellos da contorna da ría (Bueu, Sanxenxo, Poio, Pontevedra, Meaño e Marín). Unha das condicións para que os proxectos presentados opten á axuda é que encaixen dentro da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) do GALP Ría de Pontevedra cumprindo os obxectivos de melloramento da competitividade dos sectores pesqueiro, marisqueiro e da acuicultura; de fomento da diversificación e xeración de actividade económica, de melloras ambientais e proxectos de sensibilización, de revalorización e conservación do patrimonio e de fomento tanto da cooperación como do desenvolvemento local.

Entre os proxectos produtivos aprobados, que poden acadar unha subvención de ata un 50%, atopamos un novo restaurante en Sanxenxo e a construción dunha minicetárea en Poio e dunha nave industrial en Bueu que permitirá explorar novas liñas de negocio á empresa Alinox Morrazo. O proxecto da cooperativa San Miguel de Marín é un centro de valorización ao que trasladarán a súa sede mentres que o da empresa O Percebeiro é a introdución un novo proceso de elaboración de lombos e filetes afumados. E en Bueu, Horta Agrelo porá en valor a arquitectura tradicional mariñeira coa restauración dun alpendre.

As iniciativas abranguen accións de mellora medioambiental, patrimonial e da competitividade empresarial do sector pesqueiro

O maior número de proxectos aprobados concentrouse nos non produtivos cun total de sete. Este ano presentáronse dúas iniciativas relacionadas con embarcacións; a proposta da Confraría de Pescadores de Lourizán proxecta incorporar un barco de vixilancia para o interior da ría e a do Club Mariño A Reiboa está enfocada á reparación e renovación da estrutura e do mastro do galeón Luisa. A Lonxa de Campelo pediu a axuda para implantar a plataforma dixital XESMAR nas confrarías de Raxó, Pontevedra e Lourizán co obxectivo de gañar eficiencia na xestión dos recursos marisqueiros. Pola súa parte, a praza de Abastos de Marín acometerá melloras no edificio instalando iluminación led. Os concellos de Pontevedra e Sanxenxo tamén solicitaron axudas este ano, Pontevedra afondará no patrimonio cultural, pesqueiro, acuícola e marítimo da ría cunha proposta ao redor da figura de Cristóbal Colón e Sanxenxo utilizará a Festa da Cebola como plataforma para a promoción de produtos ecolóxicos e Km0. Completa a selección a actividade de concienciación medioambiental do Club Náutico de Portonovo.

Os restantes nove proxectos presentados á primeira convocatoria de axudas deste ano non puideron acceder á subvención xestionada polo GALP por diferentes cuestións técnicas.

Esta proposta, de resolución provisional da Xunta Directiva, que non establece ningún dereito a favor da persoa ou entidade solicitante pódese consultar no taboleiro de anuncios da sede do GALP Ría de Pontevedra e na súa páxina web. O prazo de alegacións contra esta resolución é de cinco días hábiles contados desde a data de publicación da mesma, tal e como se reflicte no artigo 24.3 da Orde de bases do 21 de decembro de 2018, da Consellería do Mar; rematando o prazo o vindeiro venres 26 de xuño. A xunta directiva do GALP resolverá as alegacións presentadas e declarará a listaxe definitiva de proxectos produtivos e non produtivos seleccionados o 30 de xuño.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

Publicidade

+ VISTOS

Publicidade
Publicidade



Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies