spot_img
InicioLatinoaméricaEcuadorO Fondo Galego contribuíu á recuperación dun Concello ecuatoriano tras o terremoto

O Fondo Galego contribuíu á recuperación dun Concello ecuatoriano tras o terremoto

o-fondo-galego-contribuiu-a-recuperacion-dun-concello-ecuatoriano-tras-o-terremoto

A asociación de administracións locais e provinciais de Galicia achegou 8.000 euros para repoñer o sistema informático do municipio de Jama, o segundo máis afectado

O terremoto de 7,8 graos que deixou 673 persoas mortas en Ecuador é unha das principais catástrofes rexistradas no ano que remata. O  Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade contribuíu a paliar as súas consecuencias cofinanciando a reposición dos sistemas informáticos do Concello de Jama, a segunda cidade máis afectada polo sismo, a pouco máis de 50 km do seu epicentro.

Faleceron 27 veciñas e veciños, dun total de 23.250, e o 85% dos edificios quedaron inutilizables. Entre eles, a propia Casa Consistorial, onde urxía ademais recuperar os sistemas informáticos. Estes resultan esenciais para o bo funcionamento dunha institución clave para minguar os efectos do desastre e impulsar á recuperación da zona e das súas xentes. O Fondo Galego achegou 8.000 euros para a súa adquisición, instalación e configuración e o Fons Català de Cooperació al Desenvolupament contribuíu con 2.000. A responsable de América Latina nesta entidade, Victòria Planas, visitará no primeiro trimestre de 2017 diversos concellos galegos para dar conta da actuación, que avaliou sobre o terreo.

O propio Concello de Jama puxo 16.382 euros para levala a cabo e tamén colaborou a Asociación Latinoamericana para a Integración dos Inmigrantes (ALII), que foi a encargada de mercar os equipos e asegurarse de que chegaran ao goberno local nas condicións axeitadas. Trátase dunha entidade catalá promovida por migrantes latinos, entre os que hai moitos do Ecuador, de xeito que a intervención inclúe así unha compoñente de codesenvolvemento.

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está formado por 88 concellos e as deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.

- Publicidade -spot_img