spot_img
InicioO MorrazoBueuO FICBUEU ofrece rutas de sendeirismo, de navegación e gastronómica

O FICBUEU ofrece rutas de sendeirismo, de navegación e gastronómica

o-ficbueu-ofrece-rutas-de-sendeirismo-de-navegacion-e-gastronomica

Para os roteiros por Udra e en embarcacións tradicionais é preciso inscribirse. As ‘Tapas 5 estrelas’ serviranse nunha ducia de locais.

O 9º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (Pontevedra) conta na súa programación con tres roteiros moi distintos, que van desde unha camiñada por Cabo Udra ata a degustación de tapas de cine, pasando por unha singradura a bordo de embarcacións tradicionais cortesía da Asociación ‘Os Galos’.

A ruta das ‘Tapas 5 estrelas’ estará activa entre o 10 e o 18 de setembro nunha ducia de establecementos: A Cepa, Antoxo de Mou, Aturuxo BOK, Cafetería do Centro Social do Mar, La Perfecta, Noite Tapas, O Farol, O Pazo, Rosalinda, Casa Quintela, Chilau e Planta Baja. Os tres últimos terán horario expandido ata o peche da cociña, mentres que no resto os pinchos con nome cinematográfico serviranse de 12 a 13.30 horas e de 20 a 22 horas. As e os comensais poderán votar a mellor proposta. Á súa vez, por cada cinco establecementos nos que selen o seu cupón entrarán no sorteo de tres vales de 50 euros, outros tres de 30 euros e un abono anual dobre para o Cineclub Bueu.

A ruta de sendeirismo polo espazo da Rede Natura 2000 e mais o paseo pola ría, que leva por título ‘Galos de mar’, realizaranse o sábado 17 de setembro, ás 10 e ás 16.30 horas, respectivamente, e terán como punto de encontro o Centro Social do Mar. Ambas as dúas actividades son de balde e foron pensadas para as e os cineastas que se achegarán a participar no FICBUEU 2016, pero tamén están abertas ao público xeral, co fin de favorecer a relación e o intercambio cultural. As prazas son limitadas, polo que as persoas interesadas deben inscribirse enviando os seus datos persoais e de contacto a info@ficbueu.com, ou ben no despacho de billetes instalado no Centro Social do Mar.

A billeteira abrirase o vindeiro día 10 ás 11 horas, momento a partir do cal se poderá mercar presencialmente as entradas para as proxeccións da sección Competición, así como trocar o abono adquirido online pola pulseira de acceso. A organización recomenda realizar este trámite ese mesmo sábado pola mañá, tanto para evitar aglomeracións nas xornadas de proxección como para dispoñer desde o primeiro momento do catálogo coa programación completa, que á súa vez está xa dispoñible na web www.ficbueu.com/programa. No entanto, o despacho de billetes estará aberto todos os días do festival de 11 a 14 horas e de 17 a 22 horas.

- Publicidade -spot_img