spot_img
InicioO MorrazoBueuO FICBUEU 2017 recoñecerá curtametraxes realizadas nos distintos niveis educativos

O FICBUEU 2017 recoñecerá curtametraxes realizadas nos distintos niveis educativos

Repartirá 500 euros en premios entre colexios, institutos e escolas de formación audiovisual, que xa poden enviar os seus traballos

A asociación FICBUEU vén de lanzar as bases que rexen a convocatoria para colexios e institutos galegos, dunha banda, e para escolas de formación cinematográfica, por outra. O 10º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (Pontevedra) repartirá nestas categorías un total de 500 euros en premios, co fin de promocionar os novos valores do audiovisual galego.

Ata o 1 de xuño permanecerá aberto o prazo de recepción de obras, que deberán enviarse en formato dixital ao enderezo comunicacion@ficbueu.com canda a ficha correspondente, dispoñible na páxina web do certame. Cun máximo de 30 minutos de duración, as curtas serán de temática libre pero han de ser realizadas no curso 2015/2016 ou 2016/2017. Poden presentarse en galego ou castelán, ou ben con subtítulos nalgún destes idiomas.

De entre os traballos elaborados por alumnado de Primaria e Secundaria, escolleranse cinco para proxectar no FICBUEU 2017 o domingo 17 de setembro, no marco da xornada FIC Solidario. Nela entregaranse os galardóns a Mellor Curtametraxe de Colexio, dotado con 100 euros, e a Mellor Curtametraxe de Instituto, que ascende a 150 euros. O venres 15 de setembro, no día dedicado ao sector audiovisual galego, amosaranse as cinco cintas seleccionadas de entre as enviadas por escolas de imaxe e facultades universitarias, das que sairá o gañador do premio á Mellor Curtametraxe de Escola, establecido en 250 euros. Un xurado especializado encargarase da selección.

Por outra parte, continúa aberto o prazo para presentar obras á sección oficial do 10º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu, que se desenvolverá entre o 9 e o 17 de setembro co apoio do Concello de Bueu, entre outras administracións e entidades. As curtas poderán remitirse ata o 1 de abril a través da plataforma Shortfilmdepot.

- Publicidade -spot_img

[adrotate group="3"]
[adrotate group="2"]
[adrotate group="4"]
[adrotate group="5"]

Información das cookies

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecelo cando volves ao noso sitio web e axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.