O evento cultural, cuxo cartel é secreto ata que o público desembarca no arquipélago, volverá ofrecer unha pequena mostra da creación contemporánea mais estimulante do momento
Sinsal SON Estrella Galicia, un dos encontros sonoros máis singulares do panomara musical estatal, celebrará a súa nova edición os días 25, 26 e 27 de xullo na illa de San Simón (Redondela). O evento cultural, cuxo cartel é secreto para o público ata que este desembarca no arquipélago de San Simón e Santo Antón, volverá ofrecer unha pequena mostra da creación contemporánea máis estimulante do momento a través da participación de numerosas bandas e solistas chegadas de diversas rexións de todo o mundo. Como novidade, ao coindir a xornada festiva do 25 en venres, este ano a actividade estenderase ao longo de todo o día, no lugar de ser unicamente en horario de tarde.
Sinsal SON Estrella Galicia, que conta co apoio da Deputación de Pontevedra, Turismo Rías Baixas, Xunta de Galicia e SON Estrella Galicia, é unha iniciativa cultural que naceu para visualizar as artistas próximas á creación contemporánea da escena galega e estatal, mais tamén abriu o espazo para acoller a numerosas para creadoras e creadores do ámbito internacional: en cada edición, é habitual poder coñecer propostas de estilos moi diversos e de formacións de diferentes países de Europa, África Asia ou América. Todos os anos os abonos e as entradas esgótanse axiña.
A súa programación musical acompáñase, ademais, de numerosas actividades paralelas divulgativas, á fin de dar a coñecer a historia, a memoria e o patrimonio cultural e natural de San Simón – como os roteiros Descubre San Simón, Illario Pantasma e Andaina con Amarturmar– ademais de propostas vinculadas á sostibilidade ambiental e concienciación, como a activación da nova liña #SinsalSenRastro, a iniciativa para transformar o modelo de xestión de residuos; -e que no 2024 supuxo a redución nun 30% do volume dos mesmos-; ou mesmo da recuperación e posta en valor dos arquivos sonoros, que se traducen en iniciativas recollidas na nomeada Escola Sinsal.



