As galardoadas foron a pianista e xestora musical, Andrea González; as ‘Abellonas’ do Clube Rugby Coreti Lalín, o Centro de Información á Muller de Sanxenxo e a cooperativa Ardora
O acto de entrega dos ‘Premios Mulleres Femupo’ outorgados pola Federación Pola Igualdade da Provincia de Pontevedra (Femupo) congregou no Real Club Náutico de Sanxenxo a máis de setenta persoas. Ao evento, conducido pola xornalista Olaya Rivas e amenizado polas Pandereteiras Tremelique, asistiron representantes de organismos locais, provinciais e autonómicos, así como de entidades, asociacións e organizacións que traballan e/ou colaboran no ámbito da igualdade.

Estes premios recoñecen o traballo a prol da igualdade de xénero e o empoderamento das mulleres en diferentes eidos como o social, o cultural, o deportivo e o laboral. As galardoadas desta edición foron a pianista e xestora musical, Andrea González; as ‘Abellonas’ do Clube de Rugby Coreti Lalín, o Centro de Información á Muller (CIM) de Sanxenxo e a cooperativa Ardora.
Ao recoller o galardón, Andrea González reclamou a participación dos homes para acadar a igualdade poñendo o foco nas cifras de presenza feminina na música. A pianista e xestora musical dedicoulle o premio a súa familia e ás mulleres artistas e, neste contexto de guerra, ás ucraínas especialmente.
Os membros de Ardora puxeron en valor a loita pola igualdade e contra a gran lacra que representa a violencia de xenero e agradeceron este recoñecemento que recolleron co animo a seguir traballando. A Cooperativa Ardora leva 20 anos traballando en sectores que están, aínda, moi masculinizados.
Pola súa banda, as Abellonas, subiron emocionadas ao escenario. “Estamos moi agradecidas por este recoñecemento porque non contábamos con el. Pensamos que a visibilidade do rugby femenino é moito máis reducida do que realmente nos están demostrando con este premio. En nome de todas as que non están hoxe aquí con nós, moitísimas grazas a Femupo. Esto danos a ver que o rugby femenino non é só un graniño de area, grazas a este recoñecemento vemos que en Galicia contan con nós”, dixo Anabel Viana, xogadora das Abellonas Clube Rugby Coreti Lalín, antes de iniciar o evento.
“Non hai mellor atención que unha atención profesional e ademais vocacional, e deso creo que nos Centros de Información ás Mulleres temos moito. Gracias a todas as persoas que nos acompañades hoxe, sentímonos moi agradecidas e tremendamente orgullosas”, explicou a técnica do CIM de Sanxenxo ao recoller o galardón.
A presidenta de Femupo, Raquel Touriño, destacou a tenacidade, capacidade e ilusión das galardoadas nos seus diferentes eidos de traballo e o seu papel “como referentes sociais”para que a igualdade de xénero sexa unha realidade que “nos permita seguir avanzando comosociedade”. Así mesmo, Touriño aproveitou este espazo para dar as grazas ao labor do movemento asociativo das mulleres, especialmente ao da provincia de Pontevedra, e “á colaboración, apoio e contribución de entidades, organizacións, axentes sociais eadministracións que traballan a prol da igualdade”.
A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, participou neste acto de entrega recordando o compromiso da administración coa igualdade e poñendo en valor o papel das galardoadas pola súa significación en contra dos estereotipos de xénero e as fendas.
As galardoadas recibiron unha figura deseñada para a ocasión que representa a provincia de Pontevedra en mans dunha muller e tamén unha acuarela que representa á escritora feminista Nélida Piñón.







