spot_img
InicioVal MiñorBaionaO embaixador de EE.UU. en España, James Custos visita Baiona acompañado pola...

O embaixador de EE.UU. en España, James Custos visita Baiona acompañado pola emprendedora e comunicadora estadounidense Martha Stewart

embaixador-EE.UU-España-James-Custos-visita-Baiona-acompañado-pola-emprendedora-comunicadora-estadounidense-Martha-Stewart

Á recepción en honra do embaixador Custos que se ofreceu no Parador de Baiona acudiu o Alcalde en funcións da localidade Angel Rodal Almuiña, acompañado pola Concelleira de Educación e Mocidade, Beatriz González Pérez, Rafael Conde de Saro, Director Xeral da Oficina do Alto Comisionado do Goberno para a Marca España, Nava Castro, directora de Turismo de Galicia e Martha Stewart, empresaria e presentadora televisiva estadounidense, relevante líder de opinión de EE.UU.

O Embaixador de EEUU en España, James Custos, visitou por primeira vez a nosa vila dentro da estratexia que a embaixada estadounidense no noso país está a levar a cabo para dar a coñecer España en EE.UU., xa que o fomento do turismo entre os dous países atópase entre as prioridades da Misión diplomática.

Con Marca España como entidade colaboradora, o embaixador Custos e a comunicadora Martha Stewart, coñeceron de primeira man todos os segredos que alberga esta vila mariñeira do sur de Galicia: Baiona tivo un papel moi relevante no descubrimento de América. Ao seu porto arribou a Carabela Pinta en 1493 coas primeiras noticias sobre o novo mundo, un feito que uniría para sempre a historia americana coa localidade e coa historia universal.

O municipio de Baiona goza de amplo patrimonio cultural, un rehabilitado centro histórico, o museo flotante da Carabela Pinta ou a Casa da Navegación…,todo iso nun marco paisaxístico incomparable como o é a nosa baía. Todas estas razóns levaron a que aoficina do Alto Comisionado para a Marca España pensase en Baiona para a promoción da imaxe do noso país en EE.UU.

Martha Stewart, empresaria, magnate dos medios e influente presentadora, coñecida como «a raíña das amas de casa estadounidenses», de visita en España convidada pola súa embaixada, foi a gran protagonista da recepción. Stewart declarouse fascinada pola beleza do municipio: “Comprométome persoalmente en dar a coñecer no meu país este marabilloso lugar e a hospitalidade da súa xente. Tentarei que a sociedade estadounidense coñeza este singular destino, a súa gastronomía, a súa historia, as súas paisaxes…Para min foi un auténtico pracer coñecer unha terra tan máxica”, dixo.

Pola súa banda, o Embaixador James Custos afirmou que “parte do meu esforzo como embaixador é fomentar o turismo entre ambos os países e axudar á promoción en EE.UU. de lugares tan marabillosos como Baiona, unha localidade que me marabillou pola súa beleza, cultura, gastronomía e pola calidez e proximidade das súas xentes.

“Grazas por elixir a nosa vila como representación de España, máis aló das nosas fronteiras. Baiona ten un sitio na historia americana que os estadounidenses deben coñecer. Únenos un estreito lazo histórico que debemos manter. Recibiremos encantados a todos os cidadáns que queiran vir ata o noso singular municipio”, sinalou durante a recepción Angel Rodal, alcalde en funcións de Baiona.

Rodal, agradeceu aos presentes a súa visita á Real Vila, e especialmente dirixiuse a James Custos e a Matha Stewart polo seu interese en coñecer Baiona e en dala a coñecer en EE.UU.

- Publicidade -spot_img