O BOP publicou onte as bases para optar a estes postos destinados a titulados sen experiencia que, no caso de Nigrán, traballarán en áreas vinculadas a temas medioambientais, culturais ou turísticos
O Concello de Nigrán, grazas á financiación da Deputación de Pontevedra, contará durante todo este ano 2016 con catro bolseiros con titulación universitaria ou de Formación Profesional pero sen experiencia laboral previa para traballar en áreas claves do goberno. O organismo publicou este martes no Boletín Oficial da Provincia as bases para optar aos 200 postos que se ofertan en 36 municipios de menos de 50.000 habitantes e na propia institución provincial. Así, dende o Concello de Nigrán se solicitan un diplomado en Biblioteconomía e Documentación, un licenciado en Enxeñería Técnica Forestal, un licenciado en Dereito e un titulado con Ciclo Superior en Información e Comercialización Turística.
O prazo de presentación de candidaturas xa está aberto e debe facerse a través da web www.depo.es. Tódolos postos requiridos están dirixidos a titulados sen experiencia laboral previa.
Por unha banda, a persoa con Enxeñería Forestal desenvolverá o seu traballo nos servizos urbanos do Concello, apoiando á enxeñeira municipal en proxectos claves de saneamento e abastecemento ás parroquias ou de recuperación de espazos medioambientais.
O perfil de diplomado en Biblioteconomía e Documentación traballará na Biblioteca Municipal nunha aposta máis do goberno por este espazo, no que recentemente tomou a decisión de ampliar o horario de 9.00 a 21.00 horas de luns a venres, deixando polo tanto de pechar ao mediodía, tal e como viñan reclamando os usuarios. “Apostamos por reforzar e mellorar ao máximo este servizo clave, de feito, entre tódolos partidos se está estudando a fórmula para lograr unha biblioteca máis grande para Nigrán. Esta contratación é un paso máis na nosa aposta pola cultura”, indica González.
O terceiro bolseiro, titulado en Dereito, estará no servizo de Contratación do Concello, un área fundamental para, por exemplo, poder levar definitivamente a cabo traballos de gran relevancia nas diferentes parroquias. Os seus coñecementos permitirán facer máis áxiles estes complexos trámites burocráticos ao tempo que se lles outorgará a máxima seguridade xurídica.
Finalmente, o cuarto bolseiro, con Ciclo Superior en Información e Comercialización Turística, desenvolverá un plan estratéxico para Nigrán co obxectivo de desestacionalizar o turismo no municipio. “Nigrán é moito máis que sol e praia durante dous meses ao ano, temos que saber explotar os nosos recursos para amosar que somos de verdade un destino con atractivos para desfrutar os 365 días do ano, isto repercutiría moi positivamente na nosa economía local”, indica González, quen precisamente se atopa estes días en FITUR xunto a edil de Turismo, Ana Pérez, recompilando ideas e reuníndose con turoperadores co fin de camiñar nesta liña.
“O traballo destes bolseiros, grazas ao seu perfil técnico, axudará a desenvolver proxectos claves para o municipio e, polo tanto, contribuirá a facer un goberno mellor e máis áxil”, sinala Juan González, alcalde de Nigrán.
Estes catro bolseiros se suman aos próximos 30 contratados a través do Plan Provincial de Cooperación da Deputación de Pontevedra para o ano 2016, que adica 213.215,32 € para financiar a contratación de diferentes perfís de parados sen prestación.




