O baionés será o único representante español na categoría cadete no Campionato Europeo de Loitas Olímpicas que se celebrará o próximo 08 de agosto Subòtuca (Serbia)
O Alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, e o Concelleiro de Deportes, Anxo Rodal, recibiron esta mañá na Casa Consistorial ao deportista baionés Omar Rodríguez para desexarlle sorte na súa participación no Campionato de Europa de “Luchas Olímpicas”.
Vázquez Almuiña aproveitou a ocasión para felicitar o loitador pola boa temperada que realizou este ano e polos seus recentes triunfos. O mozo proclamouse mellor loitador de España na súa categoría cadete (63 kg). Ademais, quedou subcampión de España Júnior e foi chamado polo equipo nacional para defender a bandeira en torneos internacionais obtendo medallas en todos eles.
O Concelleiro de Deportes sumouse á felicitación do rexedor e gabou o esforzo que o loitador pon sobre o tapiz.
Omar Rodríguez mostrouse agradecido polos bos desexos transmitidos dende o Concello de Baiona. O loitador está a adestrar moi duramente estes días xa que ademais da súa próxima participación en Serbia, é posible que acuda ao Mundial de Loita libre.



