Inicio Galicia Compostela O auditorio da Biblioteca de Galicia pasa a chamarse Xosé Neira Vilas...

O auditorio da Biblioteca de Galicia pasa a chamarse Xosé Neira Vilas en homenaxe ao escritor

o-auditorio-da-biblioteca-de-galicia-pasa-a-chamarse-xose-neira-vilas-en-homenaxe-ao-escritorO acto celebrouse o día no que se conmemoran os 55 anos da publicación de ‘Memorias dun neno labrego’ (Bos Aires, 1961), obra capital do autor de Gres e tamén a novela galega máis lida e traducida ata o día de hoxe

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presidiu esta mañá o acto no que se lle concedeu o nome de ‘Xosé Neira Vilas’ ao Auditorio da Biblioteca e Arquivo de Galicia da Cidade da Cultura, decisión coa que se rende homenaxe ao escritor falecido en novembro de 2015, convertido nun símbolo das letras galegas. O acto celebrouse nunha data na que se cumpren os 55 anos da publicación de ‘Memorias dun neno labrego’ (Bos Aires, 1961), a obra capital de Neira Vilas e a novela galega más lida e traducida ata o momento.

A homenaxe contou coa presenza do presidente da Real Academia Galega, o da Fundación Xosé Neira Vilas, o secretario xeral de Política Lingüística e a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, entre outros

O acto, que se iniciou coa lectura dos primeiros parágrafos de ‘Memorias dun neno labrego’ por parte dun alumno do Colexio Rural Agrupado de Boqueixón-Vedra, contou tamén coa presenza do presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; o presidente da Fundación Neira Vilas, Luis Reimóndez; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o secretario xeral técnico, Jesús Oitavén, e a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Beatriz González Loroño.

“Este auditorio levará con orgullo un nome imprescindible para as letras galegas, o nome dun talento creativo universal, que ten inspirado a moitas xeracións e que, sen dubida, será referencia para moitos máis galegos no futuro”, asegurou o conselleiro. Do mesmo xeito, destacou que a lembranza a Neira Vilas se situará no corazón dunha Biblioteca onde se preserva a “memoria bibliográfica” de Galicia, conservando copias de todo canto libro se edita en galego, escrito por galegos ou con Galicia como protagonista.

Ao acto de homenaxe tamén asistiron o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; o secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda; os alcaldes de Santiago, Boqueixón e Vila de Cruces –Martiño Noriega, Ovidio Rodeiro e Jesús Otero, respectivamente–, o presidente da Real Academia Galega de Bellas Artes, Manuel Quintana Martelo, entre outras autoridades e representantes do mundo da cultura, así como familiares do escritor de Gres. Ademais, o músico Roi Casal interpretou acompañado pola súa arpa acústica dous poemas de Neira Vilas musicados.

 

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

+ VISTOS

SÍGUENOS

692FansGóstame
308SeguidoresSeguir

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies