Tras lograr dous ouros na liga de Inverno de J80 e no Trofeo Repsol e dous bronces no Trofeo CdC e no Trofeo Príncipe de Asturias, a vitoria na liga de Outono Gestilar J80 supón o peche perfecto a unha gran tempada para a tripulación liderada por Juan Carlos Ameneiro e da que forman parte Javier Aguado, Javier Lago e Juan José Lago
O Alboroto de Juan Carlos Ameneiro púxolle este sábado o broche de ouro a unha tempada de regatas brillante tras lograr un novo podio na liga de Outono J80, organizada polo Monte Real Club de Yates co patrocinio da promotora inmobiliaria Gestilar.
Tras vencer na liga de Inverno de J80 e no Trofeo Repsol e lograr dous bronces no Trofeo CdeC e o Trofeo Príncipe de Asturias, este novo triunfo supón un pleno para a tripulación, que logrou subirse ao podio en todas as competicións nas que participou neste 2024.
O equipo consolida así unha traxectoria brillante, iniciada hai anos cando se conformou un equipo moi sólido e compenetrado do que forman parte, ademais de Ameneiro, Javier Aguado, Javier Lago e Juan José Lago, proclamados ademais en 2022 campións de España da clase J80.
No campionato outonal de monotipos que finalizou este sábado en Baiona, o Alboroto foi o claro vencedor cos mellores resultados da táboa. Nas seis regatas disputadas non baixou nunca do terceiro posto, e acabou cuns parciais de 2-1-1-3-1. Un total de 8 puntos que lle permitiron vencer con contundencia, sacándolle 8 puntos ao segundo clasificado e 10 ao terceiro.
O podio de honra completárono, coa medalla de prata e uns parciais de 1-4-7-2-2, o portugués 4 Jotas, do Club de Vela Atlántico, encabezado por Joaquim Moreira ; e coa de bronce o Cansino de Alejandra Suárez (5-2-3-4-4), que nesta última xornada levou á cana ao director deportivo do Monte Real, Roy Alonso.
O Top 5 da liga de Outono Gestilar J80 complétano o Abril de Chisco Catalán, que acabou con 32 puntos; e o Okofen de Javier de la Gándara, que a pesar de non poder participar en todas as regatas disputadas, logrou elevarse grazas aos seus bos resultados e dúas vitorias parciais ata a quinta posición.
Na entrega de premios do campionato patrocinado por Gestilar, que se celebrou nas instalacións do club organizador, ademais dos trofeos aos tres primeiros clasificados, recibiu unha mención de honra o Luna Nueva do asturiano Juan Luis Tuero, por participar en todas as competicións organizadas polo Monte Real Club de Yates ao longo deste ano.

CLASIFICACIÓN FINAL (TOP 10) LIGA DE OUTONO GESTILAR J80
- ALBOROTO · JUAN CARLOS AMENEIRO · MRCYB · 2-1-1-3-1 · 8 PUNTOS
- 4 JOTAS · PAULO PALHA · CV ATLANTICO 1-4-7-2-2 · 16 PUNTOS
- CANSINO · ALEJANDRA SUÁREZ · MRCYB · 5-2-3-4-4 · 18 PUNTOS
- ABRIL · CHISCO CATALÁN· MRCYB · 8-4-6-6-6 · 32 PUNTOS
- OKOFEN · JAVIER DE LA GÁNDARA · MRCYB · 24-5-1-1-3 · 34 PUNTOS




