O Aceites Abril do Real Club Náutico de Vigo, liderado polos irmáns ourensáns Luís e Jorge Pérez Canal, foi o vencedor da regata longa do 46º Trofeo Conde de Gondomar – Gran Premio Zelnova Zeltia Banco Sabadell, celebrada este venres nas Rías Baixas baixo a organización do Monte Real Club de Yates.
A tripulación do náutico vigués empregou 13 horas e 16 minutos en cubrir as 94 millas de percorrido de ida e volta entre Baiona e a roca de Corcubión. Entrou ás 00:16:20, apenas 6 segundos antes que o Solventis de Alberto Mouro (00:16:26) , que fora primeiro en alcanzar o Carrumeiro na subida; e 21 minutos despois do Magical de Julio Rodríguez, que foi o primeiro en cruzar a liña de chegada ás 23:55:01, e converteuse en gañador da etapa en tempo real.

O Magical foi o máis rápido, pero a compensación de tempos, que na última edición do Conde de Gondomar déralle precisamente a vitoria fronte ao Yess Too de Rui Ramada; arrebatoulle nesta ocasión o triunfo fronte ao equipo do Aceites Abril, cunha longa tradición no percorrido do Carrumeiro.



