spot_img
InicioVal MiñorNigránNigrán súmase ao "apagón" deste domingo polo Día Mundial do Medio Ambiente

Nigrán súmase ao “apagón” deste domingo polo Día Mundial do Medio Ambiente

Nigrán súmase ao "apagón" deste domingo polo Día Mundial do Medio AmbienteMáis de vinte municipios de toda Galicia únense a esta iniciativa do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para concienciar sobre o cambio climático

Revista COUSAS DE Nº13

O Concello de Nigrán súmase este domingo  ao “apagón” convocado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente, que este ano se conmemora baixo o lema #OnlyOneEarth. O municipio apagará o alumeado do consistorio a partir das 23:00 horas para participar xunto a unha deputación e 21 localidades de toda Galicia. A acción encádrase no proxecto europeo ‘People and Planet’, que implica á mocidade e aos gobernos locais na loita contra o cambio climático.

Aínda que o consumo enerxético diminuíu en Galicia un 11,2% en 2020, tratouse dunha caída coxuntural debida ao descenso da actividade por mor da Covid-19. Segue a ser, por tanto, un tema preocupante na actualidade, polo seu impacto ecolóxico pero tamén na economía das familias, de aí que cumpra seguir fomentando o aforro de enerxía, sen deixar de lado a visión crítica sobre os actuais sistemas de produción.

Tanto as institucións como a cidadanía poden tomar medidas neste senso, como empregar o transporte público ou a bicicleta, elixir aparellos de baixo consumo, programar unha temperatura racional nos espazos pechados, encher ben a lavadora e o lavalouza ou apagar as luces e dispositivos como o ordenador cando non os utilicemos. En xeral, consumir menos e facelo dun xeito responsable contribúe a combater a emerxencia climática e, polo tanto, a manter o quecemento global por debaixo de 1,5°C neste século, o máximo aceptable para evitar consecuencias irreversibles sobre a vida do planeta e das persoas.

O “apagón ambiental” proposto polo Fondo Galego é unha das máis de 50 actividades que se están a impulsar nos concellos socios dentro do proxecto ‘People and Planet’, que van desde accións de rúa como o flashmob e a performance ata obradoiros de cociña sustentable, debuxo urbano, exposicións virtuais, retos virais, etc. Ademais, neste marco vén de poñerse en marcha en oito países a campaña ‘Water of the future’, co fin de situar na axenda pública a problemática da escaseza de auga a nivel global e as súas graves consecuencias, así como fomentar hábitos sostibles cos que contribuír a mitigar esta situación.

#PeopleAndPlanet

O proxecto ‘People & Planet: un destino común’ ten como obxectivo concienciar as mozas e mozos europeos sobre as graves consecuencias do cambio climático para que se convertan en axentes de transformación na procura dun mundo máis sustentable. A iniciativa, que botou a andar en novembro de 2020 e que se prolongará durante catro anos, busca tamén reforzar aos gobernos municipais na promoción de políticas a prol do desenvolvemento sostible, tendo en conta a interdependencia local-global. Procúrase así contribuír a implementar a Axenda 2030, en especial o ODS 13, que chama a adoptar medidas urxentes para loitar contra o cambio climático e os seus efectos. O plan está financiado polo programa DEAR da Comisión Europea e involucra a 19 entidades de Galicia, Portugal, Alemaña, Irlanda, Italia, Polonia, Romanía, Países Baixos e Cabo Verde.

- Publicidade -spot_img