O Concello de Nigrán participou este domingo 29 de setembro na ‘XVII Limpeza Simultánea Móllate polos ríos” coordinada por Adega retirando 50 kg de lixo no río Muíños nunha xornada de voluntariado ambiental e concienciación social na que participaron unha decena de persoas.
Entre o refugallo que apareceu neste treito do río en Porto do Molle destacan tuberías, neumáticos e restos de plástico.
O Concello de Nigrán participa desde hai 9 anos neste día día no cal voluntarios e voluntarias de toda Galicia saen aos seus ríos para recoller o lixo que atenta contra a riqueza, valor e beleza dos nosos ecosistemas fluviais. Centos de Kg de refugallos xa foron extraídos dos ríos Muíños e Miñor nos anos pasados polas decenas de voluntarios que teñen participado nesta iniciativa.
O Proxecto Ríos é un programa de Educación e Voluntariado Ambiental de Adega que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación.