spot_img
InicioVigo e áreaVal MiñorNigrán renova o campo de fútbol de Vilariño para evitar o deterioro...

Nigrán renova o campo de fútbol de Vilariño para evitar o deterioro do céspede

nigran-renova-o-campo-de-futbol-de-vilarino-para-evitar-o-deterioro-do-cespede

No terreo colocouse unha das dez toneladas de caucho adquiridas a través dunha subvención da Deputación de Pontevedra

O Concello de Nigrán vén de concluír as obras de renovación do campo de fútbol de Poutón-Vilariño coa colocación dunha das dez toneladas de caucho adquiridas grazas a unha subvención da Deputación de Pontevedra. Esta intervención pretende evitar o deterioro que viña sufrindo o céspede artificial do terreo de xogo debido á falta de mantemento rexistrada nos últimos anos por parte do consistorio.

“Con esta remodelación queremos consolidar o noso compromiso co deporte nigranés de base e coas instalacións públicas necesarias para facilitar a práctica deportiva das rapazas e rapaces do municipio. Esta actuación é necesaria e imprescindible para que unha inversión tan importante como a que se fixo no seu día non se perda por falta de coidados”, declara Juan González, alcalde de Nigrán.

O campo de fútbol de Vilariño experimentou distintas adaptacións ao longo dos últimos anos. O ente provincial colocou por primeira vez herba sintética neste terreo en 2005 dentro dun proxecto integral do estadio cuxa inversión ascendeu a 600.000 euros. Sete anos despois, foi preciso renovar de novo o céspede por falta de mantemento cun investimento de 308.793 euros.

Equipamentos deportivos

As tarefas de remodelación do campo de Poutón-Vilariño enmárcanse na solicitude realizada dende o Concello a comezo do pasado mes de decembro á Deputación de Pontevedra para a adquisición de equipamentos deportivos para as instalacións municipais. En total, compráronse dez toneladas de caucho por valor de 3.509 euros. As que faltan por colocar gardaranse para futuras intervencións noutros espazos da localidade.

Os cartos restantes desta subvención empregaranse ademais na substitución das vellas canastras do espazo deportivo de Dunas de Gaifar por dúas fixas con aro e taboleiro (1.641 euros), así como dúas redes antivandálicas para as pistas de A Ramallosa (26 euros).

“O Concello ten o deber de fomentar o deporte entre a veciñanza e a necesidade de proporcionar unhas instalacións que contribúan ao desenvolvemento da práctica deportiva, xa que non falamos só do beneficio que reporta a nivel de saúde, senón tamén do seu papel esencial para a transmisión de valores moi importantes na sociedade”, apunta González.

 

- Publicidade -spot_img