Nestes momentos, o concello ten abertos oito expedientes por depositar residuos de forma irregular, prexudicando a contorna ambiental e a imaxe do municipio.
O alcalde lembra que desde o pasado mes de xullo Nigrán conta cun punto limpo, aberto de luns a sábado en horario de mañá e de tarde.
Desde o pasado mes de xullo, Nigrán conta cun punto limpo na contorna da Camesella, xunto á estación depuradora de augas residuais. A pesar da posta en marcha desta infraestrutura, así como do mantenemento do servizo de recollida de aveños do fogar por parte da empresa concesionaria de recollida de lixo, a taxa de depósito de residuos en puntos non habilitados segue sendo elevada.
Por iso, o goberno municipal pon en marcha unha campaña de control do depósito de residuos que se reforzará coa incorporación de policías de paisano ao dispositivo, “unha medida que adoptamos co fin de evitar que tanto veciños como empresas depositen residuos e outros elementos, como mobiliario, restos de obras ou de podas, en espazos non autorizados”, explica o alcalde, Alberto Valverde.
A día de hoxe, o concello ten abertos oito expedientes sancionadores por depositar residuos e verteduras de forma irregular, ?unha situación que non só dana á imaxe do noso municipio, senón que prexudica tamén a nosa contorna ambiental, e que pretendemos eliminar con esta iniciativa?, puntualiza o rexedor.
Valverde fai un chamamento a veciños e empresas, especialmente de xardinaría e de construción, a facer uso do punto limpo. A infraestrutura, dotada de 28 colectores e un almacén, acepta o depósito de todo tipo de materiais, desde madeiras, metais e restos de obra e do fogar até residuos especiais e perigosos, así como aparellos eléctricos e electrónicos.
Neste sentido, Valverde lembra que o punto limpo de Nigrán ten un dos horarios máis amplos de Galicia, ao abrirse seis días á semana, de luns a venres, de 16.00 a 19.00 horas, e os venres e sábados, de 10.00 a 14.00 horas, “un horario extenso e flexible para que tanto particulares como empresas poidan facer uso desta nova infraestrutura”.
Ademais desta infraestrutura municipal, CESPA mantén operativo o servizo de recollida de aveños do fogar nos colectores, que se realiza a mediados e finais de cada mes, previa chamada telefónica ao 900 700 111.



