A peza, encontrada nun anticuario de New York tras 20 anos desaparecida, atópase exposta na galería Colnaghi de Madrid antes de regresar o 18 de xaneiro ao seu destino definitivo, Nigrán
A ‘perla’ arqueolóxica de Nigrán, o mosaico romano de Panxón, regresará para sempre a súa casa o 18 de xaneiro. Atrás queda unha epopea que comezou en xaneiro de 2022 na galería Carlton Hobbs de New York para embarcar cara a súa sucursal en Londres e permanecer na capital do Reino Unido máis dun ano paralizado pola burocracia extra do Brexit e, ao fin, chegar a Madrid o pasado 28 de novembro. Alí, na galería Colnaghi da capital, entre Sorollas, Zuloagas e un Caravaggio, permanece exposto antes de partir definitivamente para Nigrán na data acordada. O propio alcalde, Juan González, e a edil de Educación, Estela Pérez, o puideron ver in-situ esta semana aproveitando a súa viaxe para recoller o selo de Ciudad Amiga de la Infancia outorgado por Unicef. Segundo avanza o rexedor, esta xoia do século III d.C. será exposta provisionalmente na sala de usos múltiples do Muíño de Porto do Molle (acondicionarase con vixilancia e seguridade) e estará acompañada por unha musealización ao respecto realizada por Árbore Arqueoloxía. Despois buscaráselle unha ubicación definitiva.
A peza, dun metro cadrado e embutida nunha mesa, consérvase intacta e representa maxistralmente mediante coloridas teselas de mármore a fauna mariña, destacado un colosal peixe de 67 cm (un muxo) e unha parella de ameixas, un tema único nos achados de toda a área metropolitana. “É impresionante, está perfectísimamente conservado, chama a atención o seu color, a precisión e o detalle. Resulta emocionante telo diante despois de cinco anos loitando polo seu regreso”, confesaba o alcalde e historiador, Juan González, mentres observaba de preto este mosaico que permaneceu desaparecido case vinte anos, tras perdérselle a pista despois dunha poxa no ano 2000 na Galería Castellana de Madrid, ata que no ano 2018 se re-localiza no catálogo da casa Carlton Hobbs de New York. Desde ese intre, o Concello de Nigrán puxo en marcha o engrenaxe para recupéralo e xa desde 2019 da man de Gonzalo Fernández-Turégano, oriúndo da Ramallosa e quen constitúe a Asociación para la Repatriacion del Mosaico Romano de Panxón co fin de axilizar os trámites. Así, o Concello de Nigrán achegou a esta entidade 40.000 € dos 58.000 € que custou a peza, coa condición indispensable de que pasase a formar parte do patrimonio municipal e, como tal, se expuxese nun espazo público da localidade.
“O valor histórico é incalculable, pasará a ser un emblema co que se identifique en toda España o noso municipio. Telo recuperado é un logro importantísimo e a cidadanía vai ser plenamente consciente cando teña o luxo de poder observalo de preto”, considera González. No muíño estará acompañado de información e fotografías a gran resolución de outros achados arqueolóxicos en Panxón e mesmo de pezas atopadas no derrubo natural que se produciu sobre a Praia da Madorra en xaneiro de 2023. Ademais, realizaranse visitas guiadas e obradoiros.
Este mosaico foi documentado polo miúdo nos anos 70 polo prestixioso arqueólogo Fernando Acuña Castroviejo, quen no seu artigo “De novo sobre o Mosaico de Panxón e outras novas sobrea Musivaria na Gallaecia” relata a súa importancia e as súas vicisitudes. Así, segundo el mesmo expón, grazas a manuscritos do século XIX entregados por Xosé María Álvarez Blázquez, se sabe que a peza apareceu “en el sitio llamado el Castro” de Panxón pertencendo primeiramente a “Dª Umbelina González Lavandeira, viuda del Sr. De Puga”, quen o tiña “en su casa de campo de la parroquia de S. Juan de Panjón” (os historiadores coinciden en que nesta zona existía unha importante villa no Baixo Imperio Romano, xa que tamén apareceron ánforas, moedas, un ara a Mercurio…). En principio, o fragmento de mosaico atopado era máis grande, pero como o tiñan pola finca tirado, foron rompéndoselle partes, polo que finalmente os donos optaron por usalo para facer unha mesa. O escrito do s. XIX dí así: “… está sirviendo de cubierta de una mesa con el objeto de que no se estropease porque según me dijeron era mayor y como estuviese tirado lo iban destrozando, y para evitar su total desaparición han hecho aquella dándole la forma de cajón embutiendo en ella el mosaico siendo este de un metro cuadrado y 20 cm de espesor…”.
Cara finais do século XIX o mosaico (é decir, a mesa co mosaico) pasa a formar parte da colección Blanco-Cicerón (mediante compra), onde parece que se conserva durante todo o século XX. No ano 2000 aparece para ser subastado na Galería Castellana de Madrid: lote nº 664 “mesa con mosaico romano”, desaparecendo ata o ano 2018, cando reaparece no catálogo da casa Carlton Hobbs e comeza a súa epopea de regreso a casa.




