O Concello de Nigrán culmina a celebración do 150 aniversario do nacemento do célebre arquitecto porriñés Antonio Palacios cun calendario deseñado na súa honra.
O almanaque está baseado nas ilustracións realizadas a man e coloreadas en acuarela do libro ‘Antonio Palacios en Nigrán’, encargado polo Concello o ano pasado aos deseñadores gráficos Noelia Muíños e Ramón Quintas (propietarios da tenda-estudio Papelier, en Baiona). Toda aquela persoa interesada en dispor del pode solicitalo na Oficina de Información Cidadá do consistorio, onde se achegarán ata fin de existencias. O calendario 2025 pecha o ‘Ano Palacios’ 2024, adicado a conmemorar en Nigrán e Madrid a obra do artífice do Templo Votivo de Panxón e divulgar a súa obra (con este obxectivo o Concello acudiu a Fitur, publicou sendos libros, realizou roteiros ou inaugurou unha exposición inédita).
“Non deixaremos nunca de promover a súa figura porque é un activo cultural e turístico de calidade para Nigrán. Concretamente, queremos que toda a veciñanza, cativa e non cativa, recoñeza ao Templo Votivo do Mar, en Panxón, como unha das obras máis destacadas de Palacios”, subliñou o rexedor, Juan González, na achega de almanaques ao CPI Arquitecto Palacios de Panxón, espazo ao pé de devandita igrexa.
O calendario, en tamaño A3 vertical, sintetiza ao pé de cada mes a vida e obra de Palacios e a súa transcendencia para Madrid, facendo ao mesmo tempo especial fincapé na súa pegada en Nigrán, onde sobresae o Templo Votivo do Mar pero sen esquecer a ‘Casa de Sileno’ en Praia América ou os seus bosquexos sobre os elementos románicos na igrexa de Santiago de Parada. “Foron meses de estudo para documentarnos ben sobre Palacios e despois tamén para saber como era o Panxón da época, as vestimentas da xente, o tipo de barcos ou vehículos… todo co obxectivo de facer uns debuxos acordes a esa época”, explican os seus autores, que mencionan no calendario e no libro ao construtor José Mogimes, ao promotor Laureano Salgado, os detalles dos mosaicos da cúpula… Así mesmo, aclaran tamén que dous chalés de Praia América que habitualmente se atribúen a Palacios non o son (Torre Quirosno e Chalé de Celso Méndez).
Ano 2024, ‘Ano Palacios’
O Concello de Nigrán presentou en xaneiro de 2024 en FITUR unha guía sobre o legado de Antonio Palacios no municipio, inaugurando así os seus actos polo 150 aniversario do nacemento do célebre arquitecto porriñés, autor dalgúns dos edificios máis senlleiros de Madrid (a capital tamén adicou 2024 a promover a súa figura). A isto súmase o libro editado anteriormente a través de Engaiolarte Editorial e escrito polo arquitecto Álvaro Bonet e os roteiros realizados este verán en torno a súa pegada. “Temos a sorte de contar en Nigrán cunha das obras máis fermosas da arquitectura do século XX e a empregamos tamén como reclamo turístico de calidade”, considera o rexedor, quen non dubida en cualificar ao Templo Votivo do Mar, en Panxón, como “a obra relixiosa máis representativa de Palacios”.
Templo Votivo do Mar
Probablemente á obra cume de arquitectura relixiosa do galego Antonio Palacios (1874-1945), considerado un dos grandes mestres do rexionalismo e con obras recoñecidas internacionalmente como o Palacio das Comunicacións de Madrid ou o Círculo de Belas Artes. Palacios inspirouse no veciño arco visigótico que formaba parte da antiga igrexa de San Juan (e que el mesmo librou da demolición polo seu gran valor histórico) iniciando a construción do Templo Votivo do Mar dedicado á Virxe do Carmen en 1932 e finalizándoo en 1937. O seu estilo é complexo de definir, xa que recolle elementos de moi diversas procedencias, emprega a pedra espida dentro dunha tipoloxía rexionalista e destacan marcados trazos góticos e mesmo islámicos se observamos a trazaría interior da cúpula con policromía de inspiración bizantina e decoración neomudéxar (o construtor nigranés José Mogimes seguiu os seus deseños para, xunto aos mozos de Panxón, configurar os espectaculares mosaicos de azulexo que cobren as bóvedas do templo e que representan diferentes escenas: a Anunciación da Virxe, a Coroación, a Virxe do Carmen).




