A dinamización do emprego, coa creación do primeiro plan de bolsas laborais para mozos titulados, a educación e o gasto social, as liñas principais da proposta de orzamento elaborada polo goberno municipal
O alcalde lembrou no transcurso da sesión que en 2015 materializaranse tamén o abastecemento de auga a Camos e Parada, dúas demandas históricas do municipio que se resolverán neste mandato
Nigrán aprobou no pleno celebrado onte a cesión do contrato de redacción do PXOM a EPTISA e o orzamento para 2015, á vez que deu luz verde á reasignación de fondos afectados polo aproveitamento urbanístico do SAU-9 en Porto do Molle por valor de 338.938 euros.
Prácticas laborais no concello
A partida que experimenta un maior incremento é a de emprego, cunha previsión de gasto de 80.000 euros, dos cales o goberno municipal destinará 70.000 á creación do primeiro plan de bolsas laborais para mozos titulados a nivel municipal, con sete bolsas para veciños de Nigrán, que poderán introducirse no mercado laboral realizando prácticas nas propias dependencias municipais.
Servizos sociais e educación son os outros dous alicerces da proposta do goberno municipal, que experimentarán importantes subidas respecto das contas de 2013. Así, a partida para gasto social supera os 200.000 euros, destacando os epígrafes de emerxencia social, asistencia domiciliaria e outros gastos diversos en servizos sociais. En educación, o goberno prevé un gasto de 55.600 euros, que se empregará para reforzar a conservación e mantemento das infraestruturas escolares, así como para as axudas destinadas á adquisición de libros escolares para infantil.
Os colectivos culturais e deportivos poderán optar tamén a unhas liñas de subvencións en réxime de concorrencia competitiva, grazas á creación de dúas partidas de 25.000 euros cada unha, do mesmo xeito que as asociacións veciñais, que contan cunha partida de 10.000 euros.
Investimentos
O capítulo de investimentos con recursos propios experimentará en 2015 un incremento do 100% respecto das contas de 2013, cunha partida de 518.714,38 euros, que o goberno municipal destinará a diversas obras de reposición e mantemento das vías públicas, a adquisición de terreos para o acceso ao momento limpo e a dar cumprimento ao convenio plurianual subscrito con Augas de Galicia para completar a rede de abastecemento e saneamento do municipio, cunha achega de 100.000.
Aos investimentos propios súmanse outras actuacións financiadas con fondos procedentes doutras administracións, entre as que destacan as obras para ampliar a rede de abastecemento de auga ás parroquias de Camos e Parada cun investimento total por parte da Xunta de Galicia de 1.408.831 euros, e que, como lembrou o alcalde no transcurso da sesión plenaria de onte, “o abastecemento de auga a Camos e Parada materializarase en 2015, dando así resposta a dúas demandas históricas do municipio neste mandato”.
Reasignación de fondos procedentes do SAU-9
Así mesmo, o pleno da corporación deu luz verde onte á reasignación de fondos afectados polo aproveitamento urbanístico do SAU-9 en Porto do Molle por valor de 338.938 euros, procedentes dos sobrantes da construción do novo edificio do concello, da urbanización de San Roque e da actuación para mellorar a seguridade viaria e peonil na Rúa Porto do Molle.
O goberno municipal destinará estes fondos ao asfaltado e construción dunha senda peonil entre o parque empresarial desde a Rúa Porto do Molle e a Praza da Carrasca por valor de 105.000 euros; unha actuación de mellora de pluviais en A Laxe e continuación da senda peonil na Rúa Porto do Molle, cun investimento de 21.000 euros; e o soterramento do tendido e liñas eléctricas en San Roque (185.000 euros) e Praza da Carrasca (27.938 euros).



