spot_img
InicioVal MiñorNigránNigrán abre este venres a xornada máis xuvenil da historia do Nigránjazz...

Nigrán abre este venres a xornada máis xuvenil da historia do Nigránjazz co pianista vigués Sunil López e o italiano Simone Basile

gran-asistencia-publico-no-esteiro-da-foz-na-primeira-xornada-do-nigranjazzA gran estrela internacional deste ano é Steve Cardenas, afamado guitarrista estadounidense e profesor da New School de NY, quen impartirá unha master-class gratuíta o sábado pola mañá e pola noite nun concerto acompañado para a ocasión polo catalán Simón Osuna e o galego David Puime

Revista COUSAS DE Nº18

O Concello de Nigrán abre este venres no esteiro de A Foz a edición máis xuvenil da Historia do Nigranjazz descontando a presencia o sábado do célebre guitarrista estadounidense Steve Cardenas, profesor da mítica New School de New York e quen ofrecerá tamén unha master-class gratuíta (Auditorio Municipal (inscrición previa en Mayeus, teléfono 986226378).

Como cada ano, o festival conta co apoio da Deputación de Pontevedra a través da liña 2 do Plan Concellos e disporá de mochilas vibratorias para toda aquela persoa xorda que o solicite previamente no mail info@entresignos.com ou no whatsapp 690679675. A marca nigranesa de Cervexas Banda patrocina novamente o evento e no recinto os asistentes poderán gozar das food-trucks de Capitán Filloa, La Vanetta Vegan Food e bocatería Lalo´s.

“Este ano destaca a mocidade dos músicos, moitos deles galegos que se están a formar en Holanda ou Suíza e, que, a súa vez, teñen contacto alí con outros artistas europeos. A través deles, os mellores da súa xeración, os asistentes poderán constatar que o futuro do jazz mundial está en moi boas mans”, destaca Felipe Villar, director do festival e quen desde o principio apostou por mesturar nas formacións do Nigranjazz a músicos internacionais con locais. Deste xeito, unha das xoias desta edición será poder ver o sábado 29 ao guitarrista de Kansas Steve Cardenas (especialista mundial en Thelonious Monk) nunha formación creada ex-profeso para o festival co catalán Simón Osuna ao contrabaixo e do galego David Puime á batería, ambos tamén mozos que non chegan á trintena.

O pianista vigués Suníl López abrirá o festival este venres 28 con Joan Codina ao contrabaixo e Genius Wesley á batería seguido do guitarrista italiano Simone Basile co seu quinteto (Manuel Caliumi ao saxo, Enzo Carniel ao piano, Ferdinando Romano ao baixo e Giovanni Paolo Liguori á batería). O sábado 29 será o turno do trío do saxofonista Miguel Seoane (Mauro Cottone ao contrabaixo e Giacomo Camilletti á batería) e a continuación, o concerto estelar de Steve Cardenas. Como é habitual, tras cada xornada haberá jam-session no mesmo recinto (o venres a abre o cuarteto do trompetista Gabriel Saitto e o sábado o do guitarrista Martín Verde)

Historia do festival

O Nigranjazz cumpre 17 anos sendo o festival máis lonxevo organizado dende o Concello de Nigrán e  o único adicado ao jazz  de toda a comarca do Val Miñor. Actualmente está considerado entre músicos, afeccionados e prensa especializada como un dos mellores do noroeste peninsular debido á calidade dos artistas que nel participan. A diferenza doutros festivais,  aposta por un jazz puro, lonxano das vangardas. Sempre con entrada gratuíta, celébrase no espazo clasificado na Rede Natura do esteiro de A Foz, na Ramallosa, dende que en 2007 o impulsasen veciños de Nigrán entusiastas desta música, manténdose activos na organización co músico Felipe Villar á cabeza. Desde entón, conseguiuse achegar a Nigrán a algúns dos mellores artistas a nivel internacional, por el desfilaron, entre outros, Peter Bernstein, Gilad Hekselman, Bill McHenry, Jorge Rossy, Marteen Hogenhuis, Joe Martin, Chris Cheek,Kurt Rosenwinkel, Jean Michel Pilc, Eve Cornelious…  Pero non hai que esquecer que o festival é tamén un espazo para os cada vez máis e mellores músicos de jazz galegos, así, é xa tradición que se integren nas formacións internacionais músicos locais, compoñendo agrupacións en exclusiva para o evento e dando a oportunidade aos músicos de aquí de presentar os seus traballos.

- Publicidade -spot_img