spot_img
InicioVal MiñorBaionaNerea Brey e Mirian Rodríguez amosan en Baiona a relación entre machismo...

Nerea Brey e Mirian Rodríguez amosan en Baiona a relación entre machismo e coidados nunha nova acción de “Violencia Zero”

Nerea Brey e Mirian Rodríguez amosan en Baiona a relación entre machismo e coidados nunha nova acción de "Violencia Zero"Da man da Deputación, o CPI Cova Terreña acolleu a performance “Deshabitada” para chamar a atención do alumnado sobre como estas tarefas acaban recaendo exclusivamente nas mulleres  

Revista COUSAS DE Nº17

A casa na que habitamos adoita ser un refuxio, un lugar de descanso. Mais non é así para toda a familia e, ás veces, convértese “nun campo de traballos forzados” para as mulleres, sobre as que recaen case exclusivamente as tarefas de coidado. A performance que hoxe protagonizaron en Baiona as artistas Nerea Brey e Miriam Rodríguez, no marco do programa da Deputación “Mulleres en Acción. Violencia Zero”, quixo poñer o foco no feito de que esta situación “supón unha forma máis de machismo da que non sempre somos conscientes”. A actividade tivo lugar no CPI Cova Terreña, coa asistencia da deputada Ana Laura Iglesias, o alcalde de Baiona, Carlos Gómez, e un numeroso grupo de alumnas e alumnos do centro escolar.

“Deshabitada”, que así se titulou a acción escénica que protagonizaron a actriz Nerea Brey e a videocreadora Miriam Rodríguez, amosou a través de texto, movemento, vídeo e audio, como “este campo de traballos forzados” posúe “unhas fronteiras invisibles que, se non se sacan á luz, resultan máis complicadas de vencer”. A proposta contou con audios con testemuñas de mulleres reais contando o seu día a día, así como imaxes en bucle referentes ao tema, para reflectir a situación que xera o feito de que os coidados e a organización da vida diaria acaben recaendo nas mulleres, tarefas que teñen que compaxinar co traballo fóra da casa. “Isto fai que teñan moi pouco tempo libre na casa e fóra e acaben medio recluídas por esa falta de tempo”, sinalaron as artistas.

Respecto do título, Nerea Brey e Miriam Rodríguez explicaron que “habitar unha casa vai más alá do simple feito de comer e durmir nela, xa que tamén é ese tempo de descanso, de lecer que pasamos nela”. “Estas mulleres non habitan na casa, traballan nela, e moitas veces é un campo de traballo continuo –sinalaron-. E por outro lado, ‘Deshabitada’ é un título metafórico, xa que esta carga de traballo fai que a propia muller estea deshabitada, non se habite a si mesma porque non ten ese tempo para preocuparse dela e das súas necesidades, xa que sempre está preocupada das dos demais”.

O programa provincial “Mulleres en Acción. Violencia Zero” está a celebrar este ano a súa oitava edición baixo o lema “Artistas Aliadas. Mulleres Aliadas”. Programáronse 25 novas accións noutros tantos concellos da provincia con 35 artistas participantes que realizan performance, danza, música, teatro, murais, poesía e audiovisuais para concienciar á sociedade sobre as violencias machistas. Xa se celebraron accións en Pontevedra, Vigo, Barro, Arbo, As Neves, Cangas, A Cañiza, O Grove, Nigrán e Mos, Gondomar e Oia, e despois desta en Baiona, as vindeiras serán no Rosal, Cambados, Marín, Tui, Poio, A Lama, Silleda, Vilagarcía, Caldas, Forcarei e Ribadumia.

- Publicidade -spot_img