En total, celebraranse sete recitais nos que se poderá gozar do legado oral da música tradicional galega con Davide Salvado, do flamenco con Niño Ruben, ou dos ritmos e melodías da costa oeste de África da que provén a malinense Ballaké Sissoko. Tamén se contará coa participación do percusionista Diego Casado e co trío de jazz liderado pola saxofonista Irene Reig.
Durante estes días, a Catedral de Tui acollerá tamén dúas residencias artísticas: a da organista Silvia Márquez Chulilla e a oboísta galega Iria Folgada, que regresa ao festival para gravar o seu primeiro traballo discográfico ao carón das irmás tudenses Raquel e Sara Areal. Todos os concertos son de entrada libre.
Dentro da programación do Festival Música no Claustro inclúese, ademais, a terceira edición do Foro Profesional de Instrumentos Musicais Resonancias 23, impulsado pola Xunta a través da Fundación Artesanía de Galicia.
Terá lugar os días 2 e 3 de agosto co obxectivo de achegar a profesionalización e a divulgación dos oficios artesanais nun diálogo co tecido artístico, de impulsar a investigación e a innovación no ámbito dos instrumentos musicais e de xerar un espazo de intercambio e coñecemento e de creación de sinerxías neste oficio.

Como en anos anteriores, o Foro está comisariado polo músico e investigador Samuel Diz e centrarase na construción artesanal de instrumentos musicais con especial atención ao emprego de madeiras galegas na artesanía.






