spot_img
InicioBaixo MiñoMúsica no Claustro doa ao Concello de Tui unha colección de fotografías...

Música no Claustro doa ao Concello de Tui unha colección de fotografías orixinais históricas realizadas na década de 1920

Música no Claustro doa ao Concello de Tui unha colección de fotografías orixinais históricas realizadas na década de 1920O festival Música no Claustro recuperou unha colección de fotografías orixinais históricas realizadas na década de 1920’ en Tui, Valença e A Guarda. Dúas delas, tomadas dende o campanario da Catedral, protagonizaron o cartel da pasada XVII edición celebrada entre o 1 e o 7 de agosto. Esta doazón ten por obxectivo favorecer a conservación destas fotografías e alentar futuras investigacións coa posta a disposición deste legado a través dos repositorios ATOPO e GALICIANA.

Revista COUSAS DE Nº18

O mércores 30 de agosto, Música no Claustro fixo a entrega desta colección de fotografías ao Arquivo Municipal, nun acto que tivo lugar na sala de reunións do Concello de Tui coa participación de Rafael Sánchez Bargiela, director do Arquivo Municipal, da concelleira de cultura Sonsoles Vicente e do alcalde Enrique Cabaleiro, quen parabenizou a Samuel Diz polo éxito da recente edición de Música no Claustro, trasladou o agradacemento por enriquecer o acervo documental do Arquivo Municipal con este legado fotográfico e manifestou o compromiso futuro do Concello co Festival.

Daniel Goberna, prefecto de música do Cabido da Catedral de Tui, describiu a Beatriz Fontán e Samuel Diz como aglutinadores de beleza e salientou a actitude dos públicos en respectuoso silencio durante os concertos e a capacidade de xerar redes persoais de convivencia durante os días que dura o festival.

En paralelo, Samuel Diz realizou un balance da XVII edición do festival e presentou os contidos da primeira fase do «Plan de Modernización e Dixitalización Música no Claustro 2021-2026» financiada cos fondos europeos NextGenerationEU a través do INAEM-Ministerio de Cultura e Deporte e que posibilitou a publicación audiovisual en youtube.com/MusicaNoClaustro da recuperación patrimonial da Misa medieval de San Telmo, os sete concertos da edición 2022 e 8 conferencias do foro profesional Resonancias 22, dispoñibles ao mesmo tempo na serie de 35 podcast RENONANCIAS publicados en Spotify e Amazon. O «Plan de Modernización e Dixitalización Música no Claustro 2021-2026» inclúe a creación dun arquivo verde que reúne a documentación xerada ao longo das dezasete edicións do festival que  favorecerá a súa preservación e a posta a disposición -baixo petición- da comunidade investigadora para o seu estudo e difusión a un público xenérico e/ou especializado.

A colección de dezasete fotografías históricas orixinais

Esta colección foi localizada e adquirida por Samuel Diz en Barcelona no anticuario Simo Antics e está composta de dezasete fotografías orixinais de 8x6cm. Descoñécese a súa autoría e segundo a información trasladada polo establecemento foron realizadas en 1925 (sete que corresponden a Tui e Valença) e 1927 (dez imaxes realizadas na Guarda).

Música no Claustro doa ao Concello de Tui unha colección de fotografías orixinais históricas realizadas na década de 1920

 

Toda a colección ten ao río Miño como denominador común comezando polas fotografías realizadas dende o tellado da sede tudense que mostran as ribeiras da actual Eurocidade Tui-Valença seguidas dun percorrido ilustrado cara a fortaleza veciña na que destaca unha definida vista interior da ponte internacional. Este curso continúa ata a súa desembocadura cunha visión panorámica dende o alto de Santa Tegra no que é retratado un grupo de cinco persoas xunto a unha visión cenital do porto e o núcleo urbano da Guarda. Este grupo de cinco persoas descoñecidas ata o momento aparece novamente nas rúas da vila costeira nunha fotografía realizada na rúa Ireira e que mostra un fragmento da antiga muralla medieval. Un total de dezasete imaxes históricas orixinais que deixan de manifesto o interese pola paisaxe natural e o patrimonio monumental destas persoas viaxeiras que tamén deixaron testemuñas fotográficas das súas viaxes por outros puntos do estado español como El Escorial ou San Sebastián, así como das cidades francesas de Aviñón, Cannes, Marsella ou Niza.

Balance de Música no Claustro 23

Música no Claustro agradece a resposta do público que foi partícipe da recente XVII edición do festival destacando a calidade no respecto ao espazo monumental e a actitude de escoita nos concertos, valores humanos que quedan gravados na vivencia e recordo de cada artista. Públicos que dan sentido a este proxecto cultural interxeracional situado na Catedral de Tui que está concibido dende o compromiso na sostenibilidade, a creación artística e a posta en valor do legado patrimonial, e que nesta edición quedou reflexado co regreso de Gerhard Grezing a Tui, o toque manual de campás ou a residencia artística da oboísta Iria Folgado que terá como froito a publicación dun traballo discográfico a finais de ano.

Un agradecemento que Música no Claustro extende ás institucións públicas, as empresas e o mecenado que fan posible o festival, ao que na actualidade se une o recoñecemento do Ministerio de Cultura e Deporte seleccionando a Música no Claustro na convocatoria dos fondos NextGenerationEU da Unión Europea para o desenvolvemento da primeira fase do «Plan de Modernización e Dixitalización Música no Claustro 2021-2026».

- Publicidade -spot_img