spot_img
InicioGaliciaMozas xornalistas galegas achéganse á cooperación en Marrocos

Mozas xornalistas galegas achéganse á cooperación en Marrocos

mozas-xornalistas-galegas-acheganse-a-cooperacion-en-marrocos

Tres estudantes do VI Seminario ‘Xornalismo social e cooperación internacional’ impartido na USC atópanse en Marrocos para coñecer de primeira man a loita das organizacións locais a prol do desenvolvemento. A Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (AGARESO) e a ONG Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) promoven esta iniciativa para sensibilizar ás e aos novos profesionais da comunicación sobre o seu papel na consecución dun mundo máis xusto.

 Laura Antelo (Outes), Rosalía Macías (Oleiros) e Xoana Pardo (Ames) resultaron seleccionadas para desprazarse a Nador e Tánxer canda a coordinadora da actividade en Agareso, Carmen Novas (Bueu), e co apoio da técnica de ACPP en terreo, Alicia Fernández (Rairiz de Veiga). Alí están a coñecer e a visibilizar os proxectos apoiados por senllas entidades en materia de saúde, xénero, migracións, educación, medio ambiente, etc.

A expedición inciouse o 21 de xullo e durante os primeiros días nas provincias de Berkane, Nador e Alhucemas as mozas xornalistas tiveron a oportunidade de visitar centros de mulleres onde se traballa pola igualdade ou instalacións para comercializar o peixe en condicións hixiénicas, alén de conversar con adolescentes para animalas a continuar os estudos e con familiares de nenos con discapacidade. Tamén puideron coñecer iniciativas pola inclusión das persoas migrantes ou de protección medioambiental. Todo isto da man de entidades locais coma Homme et Environnement, Asticude e Azir.

Ata finais desta semana o equipo permanecerá en Tánxer para profundar coa ONG Ahlam sobre  intervencións en áreas como migracións e xénero, alén de entrevistarse con xornalistas e feministas. Teñen previsto achegarse asemade ao traballo coas mulleres de asociacións como 100% Mamans e Atawassoul, así como comprobar de primeira man a represión á que teñen sido sometidos activistas que defenden os dereitos humanos.

As vivencias das tres comunicadoras plásmanse no blog ‘De Nador a Tánger’, dispoñible na ligazón http://agaresoseminario.blogspot.com.es/. A través dos seus textos e imaxes amósanse ao tempo os resultados da cooperación para o desenvolvemento en Marrocos. A expedición e o Seminario ‘Xornalismo social e cooperación internacional’ contan co apoio económico da Xunta de Galicia.

 

- Publicidade -spot_img