
A Feira arrincou este venres coa tradicional cata e a lectura do pregón de Jorge Vila, director de Galicia Wine Academy
A feira abriu as súas portas este venres coa tradicional cata comentada e lectura do pregón, que este ano foi a cargo de Jorge Vila, fundador e director de Galicia Wine Academy, a primeira escola autorizada para impartir as prestixiosas cualificacións do Wine&Spirit Education Trust en Galicia e unha das principais escolas WSET© en España.

O pregón de Vila deu paso ao nomeamento de confrades e entrega de insignias e, xa ás 23.00 horas, ao concerto de Blues do País e Sindicato da Verbena, co que pechou á primeira xornada da feira.
Este sábado as casetas abrirán ás 11.30 para dar paso ás 12.30 horas ao showcooking a cargo do chef Álex Iglesias no marco do proxecto de cooperación transnacional ‘Eurochef II – European Showcooking: Sharing gastronomy and experiences’, do que forma parte Eu Rural.
Despois de abrir boca, ás 13.30 horas, será a quenda dun concerto lixeiro a cargo de Llorente&Tribu. Pola tarde, ás 19.00 h tocará o grupo de gaitas Airiños do Folón, ás 20.00 horas Pulpiño Viascón amenizará a tarde de nenos e nenas co seu ‘Trikimachín’ e ás 23.00 h rematará o día ao ritmo de The Soul Jacket.
Xa o domingo a feira comezará ás 12.00 horas cun obradoiro de cociña para nenos e nenas con Isaac Míguez para o que será necesario realizar inscrición previa. Antes de comer, ás 13.30 horas, volverá haber concerto lixeiro, nesta ocasión a cargo de Acevedos Delgados. Pola tarde, actuación infantil do Mago Noel e o seu espectáculo ‘Que curioso’ ás 19.00 horas e concerto con Somoza Trío ás 20.00 h.
Ademais, a Feira do Viño do Rosal contará nesta edición con máis actividades durante a semana previa. Así, as persoas interesadas poderán inscribirse para participar nas visitas guiadas que haberá do 10 ao 14 de xullo ás diferentes adegas ou á visita guiada aos Muíños do Folón o xoves 13 de 11.00 a 13.00 horas. Tamén haberá unha visita ao Museo do Cabaqueiro, situado na planta baixa da Cámara Agraria, o xoves 13 de 11.00 a 13.00 horas.






