spot_img
InicioGaliciaCompostelaMiguel Rodríguez Monteavaro, gañador da XXII edición do Premio de Poesía Afundación

Miguel Rodríguez Monteavaro, gañador da XXII edición do Premio de Poesía Afundación

miguel-rodriguez-monteavaro-ganador-da-xxii-edicion-do-premio-de-poesia-afundacionMiguel Rodríguez Monteavaro gaña, co poemario Cortar pescado en Manila e baixo o lema Penácaros, a XXII edición do Premio de Poesía Afundación, que a entidade convoca xunto ao Centro PEN de Galicia co patrocinio da Xunta de Galicia, á que se presentaron nesta edición un total de 32 obras inéditas.

Revista Cousas de Nº23

A resolución do xurado, composto por Héitor Mera, Inma López Silva e M.ª Neves Soutelo, como representantes vogais e profesionais da escrita; Xabier Castro Martínez, escritor e secretario do xurado; e Luís González Tosar, presidente do Centro PEN de Galicia e presidente do xurado, tivo lugar ás 18.30 h na Sede Afundación Santiago de Compostela (rúa do Vilar, 19). No acto estiveron presentes, ademais dos membros do xurado, Anxo Lorenzo Suárez, director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, e Pedro Otero, director xerente de Afundación.

O xurado considerou que este libro de poemas presenta un «un interesante percorrido formal que emprega con habelencia o efecto de distanciamento para tratar temas próximos como a realidade laboral, o amor, a violencia…, pero tamén toda a beleza que se pode atopar neses ámbitos. Desde o punto de vista poético, o autor manexa con habelencia o ritmo lírico e narrativo para crear un texto unitario».

Pola súa banda, Pedro Otero, director xerente de Afundación manifestou o seu convencemento da necesidade de manter un premio que é xa un referente do panorama literario galego e que este ano viu incrementada a súa dotación ata acadar os 7000 euros. «As persoas gañadoras nas últimas edicións coinciden en destacar que o Premio de Poesía Afundación é considerado como a gran distinción deste ámbito en Galicia e para nós é todo un orgullo sermos valorados de maneira tan salientable por profesionais das letras de tan destacado nivel. E debo dicir que esa valoración é, honestamente, moi certeira, porque ao longo destas máis de dúas décadas este foi o noso propósito: consolidar este galardón e convertelo nun certame que actuase como catalizador da riqueza creativa na nosa poesía».

Mentres, Anxo Lorenzo destacou «o valor de que un galardón coma o Premio de Poesía Afundación chegue ata aquí, ata a súa vixésima segunda edición. Na decisión do xurado vemos o alcance do galego, ao premiar un escritor do occidente asturiano, e tamén vemos o momento rechamante que vive a poesía galega, de enorme vitalidade e recoñecemento, tanto dentro coma fóra, con galardóns moi consolidados».

O PREMIO

O galardón, que implica a publicación do libro na colección «Arte de trobar» e unha dotación económica de 7000 euros. comezou o seu percorrido no ano 2002 a instancias do PEN Club de Galicia e de Afundación. No seu elenco de gañadores figuran poetas galegos como Xavier Seoane, María do Cebreiro, Román Raña, Arcadio López Casanova, Marilar Aleixandre, Carlos Penelas, Luís Vale Regueiro, Emma Pedreira, Xavier Rodríguez Baixeras, X. Daniel Costas, Yolanda Castaño, Elías Portela, Miguel Anxo Fernán Vello, Olalla Cociña, Estíbaliz Espinosa, Gonzalo Hermo, Miguel Sande, Medos Romero, Ledicia Costas ou Rafa Vilar, gañador da anterior convocatoria.

O premio, que celebra a súa décimo novena edición, conta co apoio e a participación da Xunta de Galicia, cuxa implicación no proxecto garante a estabilidade do galardón e contribúe a preservar esta cita de referencia na axenda cultural galega, á vez que estimula a creación literaria. Afundación e o Centro PEN de Galicia, tras dúas décadas de implicación e compromiso coa poesía e coa literatura galega, continúan traballando por un xénero indispensable que, aínda que minoritario, serve de alicerce para a consolidación da renovación estética e para a normalización da lingua galega.

- Publicidade -spot_img