·Publicidade ·spot_img
InicioGaliciaCompostelaMedos Romero, gañadora da XIX edición do Premio de Poesía Afundación

Medos Romero, gañadora da XIX edición do Premio de Poesía Afundación

Medos Romero, gañadora da XIX edición do Premio de Poesía AfundaciónO galardón, convocado por Afundación en colaboración co Centro PEN de Galicia, conta co patrocinio da Xunta de Galicia

A escritora Medos Romero gaña, co poemario E O SOL ERA ELA, a XIX edición do Premio de Poesía Afundación, que a entidade convoca xunto ao Centro PEN de Galicia co patrocinio da Xunta de Galicia, á que se presentaron nesta edición un total de 42 obras inéditas. O fallo do xurado, composto polos escritores Pablo Rubén Eyré, Concepción Prado Baña e Míriam Ferradáns; Xabier Castro Martínez, escritor e secretario do xurado; e Luís González Tosar, presidente do Centro PEN de Galicia e presidente do xurado, tivo lugar ás 18.15 h na Sede Afundación Santiago de Compostela (rúa do Vilar, 19). No acto estiveron presentes, ademais dos membros do xurado, Anxo Lorenzo Suárez, secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, e Pedro Otero Espinar, director xerente de Afundación.

Na acta o xurado define E O SOL ERA ELA como «un percorrido vital na procura de si mesma a través dun poemario épico-lírico que foxe da retórica e regresa á natureza non no sentido paisaxístico, senón a través da reflexión dunha voz feminina. Trátase dunha obra creada a partir do profundo dominio do ritmo e da contención que nos leva a finais abertos, sorprendentes e mesmo paradóxicos. Medos Romero consegue no seu libro “Ser ao fin salvaxemente humana”», subliñan.

Pola súa banda, o director xerente de Afundación, Pedro Otero, manifestou o seu convencemento de que «chegar á decisión final non foi doado para o xurado, especialmente neste ano, cunha participación tan elevada: un total de corenta e dous orixinais». E salientou que «esta concorrencia tan alta fálanos do gran valor literario das nas novas xeracións en Galicia e que, grazas a certames coma o Premio de Poesía, contan cun impulso que alente a súa dedicación á palabra escrita. Así, a todas as persoas que nos fixeron chegar ás súas creacións quérolles transmitir o recoñecemento de Afundación polo intenso esforzo, e quero desde aquí seguir animándoos a continuar coa literatura».

Mentres, Anxo Lorenzo trasladou os parabéns á persoa gañadora desta edición «que se incorpora á ampla nómina de premiados con este galardón, e puxo en valor a permanencia e consolidación do Premio de Poesía que celebrará en 2022 vinte anos de historia, un dos premios máis veteranos do panorama literario galego, con ese apoio conxunto das tres entidades e institucións que o consolidamos, o Centro Pen Galicia, Afundación e a Xunta de Galicia.»

A PREMIADA

Medos Romero (As Pontes, 1959). Reside en Valdoviño. Diplomada en Enfermería pola Universidade de  Santiago de Compostela. Traballa como enfermeira no centro de Saúde das Pontes. Poeta y narradora, Premio de Poesía Miguel González Garcés en 2006 y Premio de Poesía erótica Illas Sigargas en 2019. En poesía publica las obras Rendéome no tempo (1998), Ámome en por min (1999), O peso da derrota (2000), Lenzo das madrugadas (2003), A seitura dos tristes (2006), O pozo da ferida (2006), Do corpo e a súa ausencia (2010), A ansia do lóstrego (2012), A náusea como un puñal (2019), Peixes que esvaraban ao unísono (2020) e Hortensia (2020). En narrativa publica Dubido se matei a Lena (2000) y O Trevo da sorte, además de participar en diversas obras colectivas.

O PREMIO

O galardón, que implica a publicación do libro na colección «Arte de trobar» e unha dotación económica de 6000 euros. comezou o seu percorrido no ano 2002 a instancias do PEN Club de Galicia e de Afundación. No seu elenco de gañadores figuran poetas galegos como Xavier Seoane, María do Cebreiro, Román Raña, Arcadio López Casanova, Marilar Aleixandre, Carlos Penelas, Luís Vale Regueiro, Emma Pedreira, Xavier Rodríguez Baixeras, X. Daniel Costas, Yolanda Castaño, Elías Portela, Miguel Anxo Fernán Vello, Olalla Cociña, Estíbaliz Espinosa, Gonzalo Hermo ou Miguel Sande, gañador da anterior convocatoria.

O premio, que celebra a súa décimo novena edición, conta co apoio e a participación da Xunta de Galicia, cuxa implicación no proxecto garante a estabilidade do galardón e contribúe a preservar esta cita de referencia na axenda cultural galega, á vez que estimula a creación literaria. Afundación e o Centro PEN de Galicia, tras case dúas décadas de implicación e compromiso coa poesía e coa literatura galega, continúan traballando por un xénero indispensable que, aínda que minoritario, serve de alicerce para a consolidación da renovación estética e para a normalización da lingua galega.

- Publicidade -spot_img

Publicidade
Publicidade