spot_img
InicioVal MiñorGondomarMedio Ambiente mellora a seguridade peonil da estrada PO-340 na contorna do...

Medio Ambiente mellora a seguridade peonil da estrada PO-340 na contorna do enlace coa autoestrada do Val Miñor

Medio-Ambiente-mellora-seguridade-peonil-estrada-PO-340-contorna-enlace-autoestrada-Val-Miñor

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas vén de iniciar a execución dunha senda peonil na estrada PO-340 que mellorará a seguridade dos peóns na contorna do enlace coa autopista AG-57. A obra complementará á actuación levada a cabo neste verán nas dúas marxes deste vial entre Gondomar e A Ramallosa, coa que se sinalizou unha zona diferenciada para circulación mais segura dos peóns.

A actuación complementa ás obras realizadas antes do verán coas que se ampliou e diferenciou a beiravía en ambas marxes da estrada entre Gondomar e A Ramallosa

Medio-Ambiente-mellora-seguridade-peonil-estrada-PO-340-contorna-enlace-autoestrada-Val-MiñorEsta mañá, a delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, xunto ao alcalde da localidade de Nigrán, Juan González, e o xefe territorial da Consellería de MATI, José Luis Díez, informou que as obras, que executa a Axencia Galega de Infraestruturas, consistirán na execución dunha senda para uso peonil que rodee a glorieta existente no punto quilométrico 19+540 da estrada PO-340, baixo o viaduto da autopista AG-57, no Concello de Nigrán.

Execútase unha senda peonil de 220 m que bordeará a glorieta baixo o viaduto da AG-57 ao seu paso por Nigrán cun investimento que supera os 40.000 euros

A senda terá unha lonxitude aproximada de 220 metros e executarase anexa á beiravía existente, cruzando a nivel os ramais sentido Baiona da autoestrada. Contará cun ancho libre de 2 metros, e cun pavimento de formigón de cor area.

Sobre a senda se instalará unha barreira metálica de protección para separación da beiravía e unha varanda de protección no lado exterior, nos treitos que resulte necesario. Ademais, reforzarase a sinalización horizontal e vertical do treito, para advertir da presenza de peóns.

Como actuacións complementarias, disporanse tubaxes baixo a senda que permitan a continuidade dos sistemas de recollida de augas de drenaxe e repoñerase a malla metálica de cerramento existente polo exterior dos ramais da autoestrada.

A duración estimada das obras é de seis semanas, polo que quedarán finalizadas neste outono.

Demolición do frontón na travesía de Praia América
A delegada aproveitou a visita para informar tamén que a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), xa ten en marcha dende a semana pasada a demolición do frontón existente na estrada Vigo – A Ramallosa na travesía de Praia América. A actuación prográmase tras o Auto emitido no pasado mes de xuño polo xulgado no que se autoriza á súa retirada.

O muro, situado na marxe dereita da estrada PO-325 no punto quilómetro 14+200 interrompe a vía de servizo executada pola consellería no marco da obras de mellora da seguridade viaria rematadas no verán de 2013, polo que a súa retirada permitirá dar continuidade a esta vía e á beirarrúa unha vez se finalice a demolición.

O contrato de obras foi adxudicado a NAROM S.L. por 47.524,19 euros. As tarefas previstas quedarán rematadas no prazo aproximado de dúas semanas.

Estas obras, nas que o Goberno autonómico inverteu mais de 17 millóns de euros, tiveron por obxecto mellorar a seguridade viaria da infraestrutura, ampliando a sección transversal para habilitar unha senda para peóns e ciclistas (que anteriormente circulaban pola estreita beiravía coa que contaba a estrada) e mellorando interseccións.

Ademais, na travesía de Praia América (Rans) a sección tipo incrementouse, axustándose ás previsións do PXOM, para dotar á estrada dun boulevard que resolve con maior seguridade o importante tráfico de axitación desta zona da estrada e permite dotar ao treito dun maior número de prazas de aparcamento, moi demandadas polo conxunto dos veciños e visitantes da zona.

Os propietarios da finca situada no p.q. 14+200, que conta muro de formigón de importante altura que serve de frontón, amosaron o seu desacordo e recorreron a retirada total do mesmo, polo que a administración suspendeu a demolición á espera dunha resolución xudicial. O Xulgado Contencioso – Administrativo de Vigo ditou auto no pasado mes de xuño autorizando á CMATI á retirada do cerramento, que merma a seguridade viaria da estrada.

Outras actuacións no Val Miñor
A Consellería de Medio Ambiente ten entre as súas prioridades en materia de estradas a execución de obras para a mellora do estado de conservación a da seguridade viaria das estradas da rede autonómica.

A obra que se inicia nestes días complementará á levada a cabo polo goberno autonómico neste mesmo ano para mellora da seguridade viaria na estrada PO-340 dende a saída de Gondomar ata a Ramallosa, na que se inverteron 84.000 euros. Os traballos realizados de redistribución da sección transversal da infraestrutura, permitiron habilitar un espazo diferenciado para a circulacións dos peóns en todo o tramo, salvo baixo o viaduto da autopista no que a plataforma afirmada non tiña o ancho suficiente para sinalizar unha senda.

Nesta mesma estrada, o departamento de Infraestruturas ten previsto acometer nas vindeiras semanas a rehabilitación do firme no treito comprendido entre A Texosa (p.q. 19+000) e a glorieta da Ramallosa (p.q. 21+500). Esta mellora executarase no marco do contrato licitado no pasado mes de abril para o reforzo do firme das estradas PO-552, PO-340 e PO-325, co que xa se está a reparar o firme da estrada PO-552. O orzamento destas obras aproxímase aos 400.000 €.

En materia de seguridade viaria, a Xunta de Galicia vén de rematar no mes de agosto a obra de prolongación do carril bici da estrada PO-552 entre os puntos quilométricos 16+700 e 17+700 (na que se inverteron mais de 175.000 €), que permite a continuidade entre o paseo existente en Baiona (que chega ata A Ramallosa) e o carril bici executado en anos anteriores entre Baiona e A Guarda polo Goberno autonómico.

- Publicidade -spot_img