Inicio Galicia Medio Ambiente dará prioridade ás accións paisaxísticas dos concellos que voluntariamente asinen...

Medio Ambiente dará prioridade ás accións paisaxísticas dos concellos que voluntariamente asinen un pacto pola paisaxe

medio-ambiente-dara-prioridade-as-accions-paisaxisticas-dos-concellos-que-voluntariamente-asinen-un-pacto-pola-paisaxeA conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e o presidente da Fegamp asinaron un protocolo de colaboración para o desenvolvemento desta figura que recolle a Lei de Protección da Paisaxe de Galicia

Co obxectivo de salvagardar os elementos que configuran as paisaxes de Galicia, a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio priorizará a súa colaboración naquelas actuacións paisaxísticas a desenvolver polos concellos que teñan asinado un pacto pola paisaxe. Así o afirmou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, que xunto co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alfredo García Rodríguez, asinou un protocolo de actuación entre o Instituto de Estudos do Territorio e a Fegamp para o desenvolvemento dos Pactos pola paisaxe.

Tal e como explicou a conselleira, os pactos pola paisaxe -ademais de estar recollidos na Lei de protección da paisaxe de Galicia (Lei 7/2008 do 7 de xullo)- son instrumentos de concertación entre as administracións públicas, as entidades locais e outros axentes económicos e sociais dun determinado territorio que de maneira voluntaria desexen promover accións de protección.

Tendo en conta que a paisaxe poderá constituír un motor para o desenvolvemento socioeconómico dun concello, pois é un recurso para diferentes actividades económicas (turismo, producións agrarias de calidade,..) e sumado ao feito de que unha maior calidade paisaxística dun territorio atrae residentes, empresas e investimentos ao mesmo; a Consellería de Medio Ambiente colaborará naquelas actuacións paisaxísticas que teñan por obxectivo humanizar as vilas e promover a súa mellora e a súa integración paisaxística.

Así, a invitación á Fegamp para colaborar neste obxectivo é importante e necesaria, pola súa representatividade, xa que abarca todos os municipios e provincias de Galicia e representa a maior vía de difusión e execución dentro dos concellos.

A colaboración entre ambas institucións servirá para acadar unha maior eficacia e coordinación dos entes integrantes da administración local de Galicia na elaboración dos pactos pola paisaxe, garantindo a súa redacción dun xeito coordinado e eficiente e posibilitando adecuar o seu contido ás normativas vixentes e as especiais singularidades de cada zona.

Cerdedo-Cotobade, primeiro concello con Pacto pola paisaxe

A conselleira de Medio Ambiente explicou que os rexedores municipais son conscientes de que a mellora da paisaxe contribúe a unha mellor calidade de vida da poboación. Nese sentido, destacou que os concellos galegos tomen nota do paso que avanzará o concello de Cerdedo-Cotobade, xa que será o primeiro municipio en asinar o primeiro Pacto pola paisaxe.

O obxectivo fixado é a protección, xestión e ordenación da paisaxe dos meandros do Lérez, unha Área de Especial Interese Paisaxístico, recollida no Catálogo das Paisaxes de Galicia. Grazas a esta iniciativa afondarase na posta en valor dos elementos de interese paisaxístico desta zona (fervenzas, muíños, sendas…) , así como na análise da dinámica, os valores e os impactos da paisaxe da mesma.

Marco de colaboración

O protocolo de colaboración asinado esta mañá será o marco polo que se guiarán as futuras sinaturas dos pactos pola paisaxe. Así, a Consellería de Medio Ambiente -a través do IET- incentivará que ditos pactos se desenvolvan co seguinte contido mínimo: delimitación do ámbito de actuación, identificación das eivas que se pretenden resolver ou das situacións que se queren mellorar, identificación das accións concretas e específicas que teñen que emprender os axentes e determinación dos medios.

Pola súa banda, a Fegamp promoverá a adhesión municipal aos pactos, a súa difusión e levará a cabo as labores de intermediación entre as partes; e tamén se compromete a poñer a disposición dos concellos de Galicia a súa infraestrutura, medios materiais e humanos, organización e capacidade de xestión para acadar o obxectivo do presente protocolo.

Mato Otero indicou que o Goberno galego tamén quere promover accións de formación, sensibilización e divulgacións que teñan por finalidade a promoción do entendemento, respecto e salvagarda dos elementos que configuran as paisaxes de Galicia. A conselleira de Medio Ambiente e o presidente da Fegamp coincidiron en que a mellor forma de fomentar a protección da paisaxe é dala a coñecer.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

+ VISTOS

SÍGUENOS

691FansGóstame
300SeguidoresSeguir

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies