spot_img
InicioVal MiñorNigránMáis de cen persoas participan en Patos (Nigrán) na xornada de limpeza...

Máis de cen persoas participan en Patos (Nigrán) na xornada de limpeza simultánea de praias

Máis de cen persoas participaron na praia de Patos (Nigrán) na xornada de limpeza simultánea de praiasOs voluntarios recolleron durante unha hora seis sacos con fundamentalmente microplásticos, cabichas e unha tubaxe duns 4 metros de lonxitude

Máis dun cento de persoas participou onte en Patos na novena xornada de limpeza simultánea de praias capitaneada pola asociación ecoloxista Adega  e promovida en Nigrán polo Concello e a Asociación de Escolas de Surf de Patos (inicialmente programárase para o sábado 19 de outubro pero debido á choiva trasladouse a este). Así, de 11:00 a 12:00 horas os voluntarios (entre os que estaba o alcalde de Nigrán, o edil de Medio Ambiente e o de Actividades Marítimas) recolleron 6 sacos cheos fundamentalmente de microplásticos, cabichas, paus de cotonetes ou chupa-chups, envoltorios… e unha tubaxe duns 4 metros de lonxitude.

As limpezas de praias son actos simbólicos, nos que non se debe ver ao voluntariado como man de obra barata para deixar limpos os areais. Son actividades de concienciación e educación ambiental que permiten que a cidadanía coñeza a problemática dos residuos mariños, a súa procedencia e os impactos que causan, así como avaliar cales son as medidas que cada un de nós pode desenvolver para minimizar este problema. Tapóns, bolsas, anacos de redes ou de cordas de nailon, son exemplos de restos de orixe plástico que alén do seu impacto visual supoñen un perigo para a fauna e a flora mariña e mesmo representarían, pola súa transferencia trófica, un risco para os seres humanos.

O Concello de Nigrán, como xa ven facendo co ‘Proxecto Ríos’ de Adega, quere concienciar tamén sobre a importancia dos valores da nosa costa, a problemática da contaminación mariña e das algas invasoras ou a alteración do ecosistema, así como promover as medidas que cada cidadán pode levar a cabo para minimizar estes impactos.

- Publicidade -spot_img