
Haberá un premio especial ao Deseño e Sustentabilidade nas dúas categorías de barcos e coches solares
A VI edición da Regata Solar que organiza este sábado 17 de xuño Marine Instruments, co patrocinio do Concello de Baiona, Gadis, Coca Cola, TuyPan e a colaboración especial do Monte Real Club de Yates de Baiona, reunirá na Praia da Ribeira a 300 escolares chegados desde diversas provincias españolas, que terá que demostrar os seus innovadores deseños de barcos e coches solares, propulsados por enerxía solar e co aliciente da emoción que proporciona calquera evento deportivo, ao ter que demostrar os pilotos a súa pericia #ante o resto de adversarios.
Precisamente o Monte Real Club de Yates de Baiona converteuse esta mañá en marco de presentación da gran cita tecnolóxica, un acto que contou coa presenza do Comodoro do Real, Ignacio Sánchez Otaegui, e os representantes de Marine Instruments, Bruno Lema, Andrés Rodríguez e Mirian Ramos.
A Regata Solar é un concurso que Marine Instruments puxo en marcha no ano 2016 no ámbito dos Centros de Educación Secundaria e Formación Profesional, para apoiar e fomentar o desenvolvemento da innovación tecnolóxica entre os estudantes, así como promover o espírito da creatividade.
Tras a experiencia en positivo das primeiras edicións incorporouse a categoría Open, aberta a calquera persoa afeccionada aos deseños e desenvolvementos tecnolóxicos, así como a nova aposta de engadir máis contidos como a carreira de Coches Solares, que tan boa acollida tivo.
O Xurado, formado por enxeñeiros de Marine Instrumentes, valorarán a creatividade, o desenvolvemento tecnolóxico, a eficiencia do deseño e, en definitiva, a orixinalidade do proxecto presentado. O obxectivo é incentivar aos Centros Formativos na curiosidade e promover os seus primeiros pasos no mundo tecnolóxico desde idades temperás.
Para a cita deste sábado 17 de xuño confirmaron a súa presenza máis de 300 escolares, que conforman 55 equipos chegados desde diferentes recunchos de España e que se sumarán aos centros educativos galegos. Madrid, Valladolid, Palma de Mallorca, Eivissa ou Barcelona mediranse aos representantes da comunidade galega, embaixadores de colexios pertencentes ás catro provincias.
A competición deportiva réxese por unhas normas comúns a todos os participantes. Con todo, a pericia dos pilotos e a compenetración cos seus equipos, tanto no desenvolvemento como a súa actuación na pista e na mar, decidirán aos campións de 2023, sen dúbida todo un reto e ao mesmo tempo unha combinación entre diversión e desafío tecnolóxico, que se poderá ver desde a propia Praia da Ribeira e nas canchas de baloncesto do Paseo da Palma.





