A Comitiva Real visitará todo o municipio nun percorrido de 14 quilómetros, no que repartirá máis de 1.000 quilogramos de caramelos.
O Concello de Nigrán celebrará o próximo luns a tradicional Cabalgata de Reis, que nesta ocasión contará coa participación de máis de 200 persoas e voluntarios. Como vén sendo habitual nos últimos anos, a Comitiva Real realizará un percorrido de 14 quilómetros que discorre por todo o municipio e ao longo do cal se repartirán máis de 1.000 kilógramosde caramelos.
Os Reis Magos partirán ás 15.00 horas do ámbito do parque empresarial. Tras o percorrido polas principais arterias de comunicación do municipio, dirixiranse ao concello, dende onde partirá a Comitiva Real na súa totalidade -formada catro carrozas, a tuna do Centro Cultural e Recreativo Parada Miñor, paxes reais, animación infantil e moitas sorpresas máis- sobre as 17.30 horas, para dirixirse ao Pavillón Municipal de Deportes de Panxón.
Alí, entorno ás 18.30 horas, os Reis Magos de Oriente recibirán os máis pequenos da casa, na que será sen lugar a dúbidas a tarde noite máis máxica para os nenos e nenas de Nigrán.
Corte de tráfico
Así, a cabalgata sairá ás 17.30 horas dende a praza da Constitución en dirección á Avda. Castelao, pasando previamente pola rúaAlcalde Manuel Alonso. De aí partirá cara a Panxón, ata a Rúa Arquitecto Palacios, para seguir pola Rúa Jesús Espinosa, e baixar despois pola Rúa Mariñeiro, ata o Paseo Marítimo. No último tramo do percorrido, a cabalgata subirá ata a Rúa Cidade de Vigo polaRúa Gaifar, dende onde os Reis Magos accederán ao interior do pavillón para recibir as peticións dos máis pequenos.
O goberno municipal recorda que o tráfico rodado se cortará a medida que a cabalgata vaia avanzando no seu percorrido. Así mesmo, informa que se restrinxirá o acceso ao ámbito do Pavillón Municipal de Panxón a partir das 17.00 horas, acoutando o tráfico na Rúa Arquitecto Palacios e Cidade de Vigo, coa habilitación de desvíos provisionais pola Rúa Baiona Real e Gondomar en dirección á Estrada pola Vía, respectivamente.



