spot_img
InicioVal MiñorBaionaMáis de 100 expertos destacan no Blue Atlantic Forum a importancia de...

Máis de 100 expertos destacan no Blue Atlantic Forum a importancia de mares e océanos como motores de desenvolvemento económico, social e ambiental

mais-de-100-expertos-destacan-no-blue-atlantic-forum-a-importancia-de-mares-e-oceanos-como-motores-de-desenvolvemento-economico-social-e-ambientalMás de 100 expertos destacan no Blue Atlantic Forum a importancia de mares e océanos como motores de desenvolvemento económico, social e ambiental

Revista Cousas De Nº20

Profundaron na importancia de crear sinerxias entre administracións, organismos e empresas para coordinarse en asuntos como a descarbonización da frota e a investigación no aproveitamento enerxético do mar.

Un centenar de profesionais e expertos reuníronse hoxe no Parador de Baiona (Pontevedra) na primeira xornada do Blue Atlantic Forum 2024, co obxectivo de analizar os beneficios e desafíos da economía azul e xerar accións que contribúan a un futuro sostible para as comunidades costeiras e o medio ambiente mariño.

Na inauguración participaron o alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña; o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Consellería de Mar, Antonio Basanta; a Directora Xeral de Ordenación Pesqueira e Acuicultura do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Aurora de Blas; e a deputada de Turismo da Deputación de Pontevedra, Nava Castro; quen destacou a importancia dos mares e os océanos como motores económicos a nivel mundial, así como o potencial de crecemento de Galicia neste ámbito.

Tras a apertura oficial, a xornada de hoxe, dedicada á Gobernanza, arrincou cunha mesa redonda na que o alcalde de Baiona, o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica e o presidente de Portos de Galicia analizaron como a Economía Azul é un facilitador estratéxico do territorio e profundaron na importancia de crear sinerxias entre administracións, empresas e axentes sociais que permitan o desenvolvemento económico, social e ambiental en torno ao mar. Entre outros asuntos, falouse da importancia de crear sinerxias para poder coordinarse e avanzar en asuntos como a descarbonización da frota e a neutralización das emisións, así como na investigación no aproveitamento enerxético do mar.

A continuación, profesionais da Autoridade Portuaria de Vigo, do Centro de Mariños Stella Maris de Vigo, de MarinnLeg e do Grupo Kaleido, analizaron o caso do Porto de Vigo como exemplo de impacto na economía azul. Tal e como se expuxo, o seu éxito como hub para a economía azul baséase en tres piares fundamentais: o diálogo, a hibridación sectorial e o talento. Ao redor destes aspectos o Porto de Vigo desenvolveu solucións innovadoras para operacións loxísticas de transporte mariño, para a mellora da rastrexabilidade dos produtos pesqueiros, para a descarbonización dos buques pesqueiros, para a implementación de novos combustibles e para abrir o porto á cidade e á sociedade.

Tras eles, responsables de Abanca Mar, da Fundación Biodiversidade e do Ministerio de Facenda analizaron as opcións de financiamento que ofrecen entidades públicas e privadas para proxectos vinculados co emprendemento e a innovación na Economía Azul. A xornada finalizou cunha mesa redonda na que se analizou o papel crave do Océano Atlántico para unha transición enerxética sostible. Expertos de Enerocean, IDAE, Magallanes Renovables e INEGA puxeron en valor o papel do mar como fonte renovable e incidiron na necesidade de buscar oportunidades para implantar un tecido tecnolóxico e industrial sostible ao redor da enerxía mariña. Así mesmo, insistiuse en que para alcanzar esta meta é necesario que todos os sectores implicados traballen de maneira coordinada e ordenada.

Sobre Blue Atlantic Forum
Blue Atlantic Forum é un espazo de debate sobre economía azul atlántica e os seus cinco sectores con máis impacto: enerxías renovables mariñas, turismo, pesca, acuicultura e biotecnoloxía mariña. A xornada de mañá, 14 de marzo, dedicarase ao Emprendemento e a Innovación e profesionais de distintas entidades e empresas abordarán temas como o emprendemento na economía azul, a biotecnoloxía como canle para innovar neste ámbito e a transferencia da revolución azul ao tecido empresarial. As sesións completaranse cun taller de gominolas dirixido por CEAMSA e un road-show de oportunidades de financiamento no Atlántico.

O venres, 15 de marzo, concluirá coa xornada dedicada aos Ecosistemas Azuis. Este día expoñeranse as vantaxes da cooperación como ferramenta de xeración de valor; falarase da pesca como elemento diferenciador dos destinos de costa; e abordaranse outras cuestións como a resilencia #ante o cambio climático e a importancia da comunicación e o consumo responsables. Pola tarde, realizarase unha visita guiada á lonxa e o Porto de Baiona e presentarase o proxecto “Pescaturismolocal”.

A terceira edición de Blue Atlantic Forum, que se pode seguir tanto de maneira presencial como en liña, está organizada polo Concello de Baiona, co apoio da Autoridade Portuaria de Vigo, Abanca, e co financiamento de GALP Ría de Vigo A Guarda, a Xunta de Galicia e a Unión Europea. https://blueatlanticforum.org/.

- Publicidade -spot_img