Esta velada promete ser un encontro inesquecible, onde a música e a palabra entrelazaranse para celebrar a riqueza cultural de Galicia.
O Concello de Ribadumia ten todo preparado para homenaxear o Día das Letras Galegas este mércores 17 de maio. Este ano, a ‘Gala Ribadumienses en prol do galego’ cumpre a súa sexta edición. A cita será a partir das 20:00 horas no Auditorio de Ribadumia.
Nesta ocasión, a cerimonia terá como protagonistas ao CPI Julia Becerra Malvar e o CRA de Ribadumia, que serán galardoados e recoñecidos por promover nas súas aulas o uso do galego a través das sesións docentes, as actividades, actuacións musicais/teatrais…, etc.
O público presente poderá gozar tamén do concerto de Luar na Lubre, que presentará o seu novo traballo discográfico ‘Luar na Lubre XX ‘Encrucillada’’. Este grupo, recoñecido tanto a nivel nacional como internacional, soubo levar a música tradicional galega a novos horizontes, fusionándoa con sons contemporáneos e creando un estilo único e cativador. O seu compromiso coa cultura e a lingua galega convértenos na elección perfecta por parte do Concello de Ribadumia para render homenaxe a este importante día no calendario cultural da nosa terra.
O Concello pretende aproveitar esta ocasión para render homenaxe tamén aos veciños e veciñas, asociacións ou entidades do municipio que participan, dun xeito ou outro, en prol da conservación e posta en valor da nosa lingua, a nosa identidade e a nosa cultura.
O goberno local anima a todos os veciños/as do municipio e achegados a asistir a esta cita, totalmente GRATUÍTA, en que se poderán adquirir os últimos pases na entrada do Auditorio Municipal minutos antes do comezo da Gala. Esta velada promete ser un encontro inesquecible, onde a música e a palabra entrelazaranse para celebrar a riqueza cultural de Galicia.