spot_img
InicioVal MiñorNigránIván Roade: "Quero levar o nome do Club Ciclista Rías Baixas e...

Iván Roade: “Quero levar o nome do Club Ciclista Rías Baixas e o de Nigrán todo o máis alto”

presentación-ciclista-Iván-Roade-nova-fichaxe-Club-Rias-Baixas-NigránO Salón de Actos Municipal acolleu hoxe a presentación do ciclista local, Iván Roade, como nova fichaxe do CCRB.

Iván Roade inicia unha nova etapa na súa carreira deportiva no equipo da súa localidade natal. O corredor de Nigrán foi presentado como novo integrante do persoal Elite e Sub 23 do Club Ciclista Rías Baixas. Tras militar o tres últimas tempadas nos Supermercados Froiz, o escalador será unha das referencias do conxunto dirixido por Marcos Serrano nas probas que compoñen o calendario da Copa de España 2015. No acto celebrado no Salón de Actos Municipal tamén participaron o alcalde, Alberto Valverde; a concelleira de Turismo, Cultura e Deportes, Liliana Silva; o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz Neto;e o presidente do Club Ciclista Rías Baixas, José Luís Chamorro.

“Só teño palabras de agradecemento ao Club Ciclista Rías Baixas por esta aposta“, afirmou o corredor de 21 anos, que debutará coas súas novas cores o próximo 22 de febreiro no Circuíto Guadiana en Estremadura: “Espero volver mostrar o meu nivel e axudar ao máximo aos meus compañeiros. Para iso conto coa axuda dun referente como Marcos Serrano. Con todo este apoio, desexo deixar o nome deste equipo e do meu pobo no máis alto”.

O seu novo director deportivo, Marcos Serrano, definiu a Roade como “un ciclista novo, con proxección e rebelde encima da bicicleta. O equipo este ano vai dar un salto de calidade participando na Copa de España. Queremos que se empezo a falar do Club Ciclista Rías Baixas como un referente deportivo en Galicia”.

O alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, felicitou ao mozo ciclista pola súa incorporación ao club local, e animoulle a seguir traballando por facerse un oco e despuntar “nun deporte tan duro e sacrificado como é o ciclismo”, apuntou. Así mesmo, aplaudiu a actual filosofía do club con sede en Nigrán de apostar forte polo deporte galego, ?un posicionamento que a entidade deportiva mantén en firme, ao contar cun persoal 100% de Galicia, tanto o corpo deportivo como o técnico”.

Pola súa banda, o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz Neto, indicou “que é un ciclista cun palmarés moi destacado. No Club Ciclista Rías Baixas, un equipo composto integramente por corredores galegos e con Serrano como director, atopou todas as condicións para seguir crecendo neste deporte”.

Para concluír, José Luís Chamoro asegurou que o seu club sente “orgulloso” por esta incorporación dun ciclista “con moita calidade e no que temos confianza plena”.

- Publicidade -spot_img