O Concello de Nigrán e o CEE de Panxón instalan colmenas no Parque Forestal “Os Matos-Río Táboas” para estimular a biodiversidade
O Concello de Nigrán continúa a buscar hóspedes para habitar o parque forestal ‘Os Matos-Río Táboas’. Se no pasado mes de febreiro o obxectivo foi atraer as aves mediante a instalación de caixas-niño, agora é a quenda das abellas. Con este novo propósito, o Concello e o CEE de Panxón unen forzas para dotar ao bosque dun colmenar que multiplicará o proceso de polinización e, polo tanto, estimulará a biodiversidade e o propio equilibrio natural deste ecosistema.
“Un parque forestal é un refuxio natural no que a engrenaxe da natureza funciona de xeito autónomo, o Concello o que está a facer é axudar a que bote a andar por si mesma, buscamos ese equilibrio e esa sinerxia”, explica o alcalde, Juan González, quen incide en que tamén se trata de superar a visión “de que o monte é unicamente un lugar onde recoller leña” e por iso se amosa especialmente orgulloso de que os centros educativos de Nigrán colaboren baixo unha mirada que cala no propio alumnado.
A iniciativa botou a andar hoxe mesmo co traslado dos primeiros colmenares desde o CEE de Panxón ata o propio terreo do parque na súa ladeira de Camos, a estes iranse engadindo outros ao longo dos vindeiros días ata chegar a oito, o que representa un mínimo de 250.000 novas abellas transportando polen de flor en for e ampliando con elo a fertilización (calcúlase que só o 2% destes insectos é o responsable do 80 % dos cultivos agrícolas que requiren polinización). A maiores, permitirá ao centro escolar multiplicar a produción de mel (tiñan dúas colmenas no seu recinto) e, sobre todo, mellorar a experiencia educativa. O seu mantemento e a procura do mel correrá a cargo de alumnado baixo a dirección de Álvaro Rey, profesor de Cociña no CEE de Panxón e con ampla experiencia no tema. Ademais, contarán co asesoramento de Alfonso Vázquez, concelleiro de Nigrán e apicultor desde a súa infancia, e de Suso Pereira, veciño de Camos que ten panais moi preto e, polo tanto, as visitará con asiduidade. Estes tres actores principais estiveron esta mañá no parque forestal ubicando as primeiras estruturas.

O cuarto actor será a propia Brigada Forestal Municipal, que participou hoxe pero que, sobre todo, adicarase a plantar e manter un bosque aromático na contorna que garantirá un óptimo alimento das abellas. Así, unha hectárea de terreo situada nunha zona de tendido aéreo onde non se permite arboredo será reforestada con romeiro, lavanda, ruda, tomiño, ourego ou salvia, plantas que atraen especialmente a estes insectos e que garanten unha mel multifloral de gran calidade.
“As abellas son os grandes polinizadores deste mundo e están diminuíndo a súa poboación pola enfermidade da varroa, o efecto dos pesticidas e a canibalización das velutinas, por iso é especialmente importante protexelas, sen elas este mundo non existiría”, explica Carla Pérez, xefa da Brigada Forestal Municipal, quen a súa vez liderou os pasados anos a inoculación de cogomelos shiitake nos tocos de eucalipto para eliminar naturalmente a esta invasora. “As caixas niño para aves, a introdución do shiitake e agora isto forman parte do mesmo obxectivo: garantir que o parque sexa sostible por si mesmo”, incide, e pon como exemplo desta interrelación o feito de que as propias abellas serán a súa vez alimentos para algunhas das especies de aves para as que se deseñaron as caixas-niño.



