O alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, inaugurou hoxe as obras de remodelación do Campo Municipal de Condomínguez, nun acto que contou coa presenza doutros membros do equipo de goberno, así como cos presidentes e os xogadores dos dous clubs usuarios desta instalación municipal, o Nigrán Club de Fútbol e as Escolas Deportivas Val Miñor.
As obras de remodelación consistiron na renovación do céspede artificial, en considerable estado de deterioración, e o sistema de rega, que por un funcionamento incorrecto estaba a xerar importantes perdas de auga, unha actuación financiada a través dunha subvención da Deputación de Pontevedra valorada en 171.482 euros.
De forma paralela o goberno municipal executou a reforma dos vestiarios, cun investimento de 38.421,15 euros que permitiu renovar os acabados interiores e exteriores (solados, alicatados e pintura) e as instalacións de saneamento, electricidade e fontanaría, así como repor e ampliación a carpintaría exterior e o mobiliario.
Na súa intervención, o alcalde subliñou que a colaboración entre a administración local e provincial permitiu remodelar de forma integral unha instalación municipal que se atopaba nun estado precario, cuxa última actuación se remonta dez anos atrás, a 2004, e que conta con máis de medio milleiro de usuarios, na súa gran maioría, nenos e nenas que adestran nas Escolas Deportivas Val Miñor.
Valverde sinalou que esta non é a primeira vez que concello e Deputación de Pontevedra aúnan recursos para mellorar infraestruturas municipais, e lembrou, como exemplo máis recente, as reformas e melloras acometidas no Campo de Fútbol de Vilariño en 2012, valoradas en máis de 300.000 euros, e que foron asumidas por estas dúas administracións a través dun convenio de colaboración.