Inaugurada no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura a exposición ‘Castelao magistral’

Inaugurada no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura a exposición 'Castelao magistral'O Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura acolle ata o 3 de marzo a mostra ‘Castelao magistral’, unha exposición que exhibe por vez primera vez en Galicia ‘A derradeira leición do mestre’

Xa se pode visitar no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura Castelao maxistral,  unha exposición que supón todo un fito xa que exhibe por vez primeira en Galicia a obra icónica ‘A derradeira leición do mestre’, considerada o ‘Guernica galego’. Debuxada na Arxentina en 1945 polo artista de Rianxo, nunca antes tiña saído do Centro Galicia de Buenos Aires.

Trátase da primeira mostra en Galicia coa simbólica pintura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, A derradeira leición do mestre (1945), e elixiuse a Cidade da Cultura de Galicia como sede. Esta obra consérvase no Centro Galicia de Buenos Aires, cidade na que foi realizada polo autor, e nunca ata agora tiña saído desta institución. A pintura, de dous metros de altura, baséase na estampa n.º 6 do libro Galicia mártir publicado por Castelao en 1937. O tema é o do mestre asasinado na Guerra Civil española ante uns nenos que se laian conmocionados. Unha escena tráxica chea de tristeza e denuncia. As descricións desta obra apuntaron o paralelismo entre o fusilamento do mestre e o do seu amigo, o intelectual Alexandre Bóveda, o 17 de agosto de 1936.

Castelao maxistral recolle este testemuño e contextualiza a situación do ensino en Galicia en tempos da República e incide na importante tarefa e o grande interese de Castelao a prol dunha educación en Galicia: libre, universal e en galego, da que foi un acérrimo defensor. Precisamente, débese salientar que Castelao maxistral é o primeiro proxecto expositivo que recolle todos os debuxos (40) que o artista de Rianxo lle dedicou ao ensino obrigatorio, que na época era ata os 9 anos de idade.

‘A derradeira leición do mestre’ está no centro dun relato expositivo co que se pretende homenaxear ao papel dos mestres e mestras de Galicia e ao importante labor que fixeron —nunha época (1900 -1936) de gran precariedade de medios no ensino e sen material pedagóxico— para intentar mudar esta situación e acadar unha maior alfabetización da poboación e, sobre todo, que as clases sociais máis desfavorecidas tiveran tamén acceso á educación, e en galego.

Deste xeito, este proxecto expositivo — comisariado polo historiador e vicepresidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas Seoane— céntrase, por unha banda, en recrear a situación do ensino en Galicia nesa época —principios do século XX ata 1936— e por outra, en pór en valor os avances que se realizaron grazas ao esforzo e implicación persoal enorme destes docentes para asentar as bases da educación pública tal e como hoxe a coñecemos, cunha transformación con ideas pedagóxicas renovadoras que se viu truncada co estoupido da Guerra Civil.

Please follow and like us:

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies