A Pinacoteca Francisco Fernández del Riego acolle desde este venres e ata o 31 de agosto unha mostra con máis de 150 pezas que afonda na relación entre Castelao e a industria editorial viguesa con fondos artísticos, editoriais e documentais de coleccións públicas e privadas da cidade.
A exposición coa que o Concello conmemora o 75 aniversario do pasamento do intelectual. Conformada por 150 pezas procedentes de 16 prestadores, destaca a colección de debuxos de “Cousas”, propiedade do Museo Municipal de Vigo “Quiñones de León” adquiridos en 1977 e 1984 e as pezas procedentes da Colección municipal Museo Fernández del Riego.
“Impresións de Castelao en Vigo”, afonda na relación que a obra artística, cultural, intelectual e política do galeguista tivo coa cidade como capital histórica da edición en Galicia con fondos fondos artísticos, editoriais e documentais de coleccións públicas e privadas da cidade.
O comisario da mostra, Miguel Anxo Seixas puxo en valor a Castelao como “símbolo de Galicia” e destacou a presenza e o peso de Vigo na traxectoria do intelectual.
Castelao colaborou na prensa de Vigo desde 1909, cando imprime os seus debuxos cómicos en Vida Gallega e, desde xullo de 1922, os humorísticos no diario Galicia e despois en Faro de Vigo, que acrecentaron a súa sona como artista gráfico. As impresións e pegadas de Castelao en Vigo teñen esta cidade como lugar de saída e retorno da emigración, a sede dos principais xornais nos que se editou a súa obra gráfica, lugar de visitas familiares e de intensa actividade política.



