A Ponte Internacional acollerá a 40 expositores artísticos españois e portugueses
Os escasos 400 metros que separan España de Portugal na Ponte Internacional de Tui-Valença serán o decorado, o próximo 21 de xullo, de IKFEM Creativa, unha demostración de múltiples disciplinas artísticas que ocupará a mítica ponte con exposicións e venda de artesanía, pintura, fotografía, música, moda, show cooking, etc.
Tres escenarios, situados na entrada de cada lado da fronteira e no centro da ponte, onde o público poderá escoitar desde bandas de pop a concertos de piano, sen esquecer as demostracións de danza e maxia ou de body painting. No centro da estrutura metálica situarase un piano e a gastronomía contará cun espazo propio e demostracións a ambos os dous lados da ribeira do Miño.
A directora de IKFEM, Andrea González, desvelou os 40 proxectos seleccionados, entre máis de 70 rexistrados, en once disciplinas: literatura, música, escultura, moda, fotografía, gastronomía, filme, artesanía, pintura, maxia e danza.
IKFEM Creativa é unha nova aposta para dar a coñecer a creatividade cultural e o talento artístico de España e Portugal nunha contorna emblemática e icónica como é a Ponte Internacional de Tui, que interrompe o seu tráfico habitual para a ocasión. Esta nova experiencia do festival terá lugar o día 21 de xullo desde as 19 ata as 22 horas, cando haberá que pasar a Portugal para asistir a outra das novidades desta edición: o Encontro Geraçoes, que reunirá a dúas xeracións e tres historias unidas pola música entre Galicia, Portugal e Brasil.
A presentación desta mañá no Parador de Tui contou coa participación dos patrocinadores e colaboradores desta undécima edición:
- Alfonso Rubio, xerente da AECT Galicia-Norte de Portugal
- Nava Castro, deputada provincial, en representación da Deputación de Pontevedra
- Agustín Reguera Ocampo, delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, en representación de Turismo, Xunta de Galicia
- Valentín García, secretario xeral Política Lingüística, en representación do conselleiro de Educación e Cultura da Xunta de Galicia.
- José Manuel Carpinteira, presidente da Cámara Municipal de Valença
- Ana María Núñez , teniente de alcalde de Tui
Tamén son patrocinadores a Fundación Segundo Gil Dávila, Sociedade de Artistas Intérpretes e Executantes de España (AIE), Direçao Rexional de Cultura do Norte, Instituto Camoes e tamén conta co apoio de Acción Cultural Española (AC/E) grazas ao seu Programa de Internacionalización da Cultura (PICE).
Un piano flotante abre o Festival IKFEM
O Festival IKFEM dará comezo o vindeiro xoves 20/07 cun piano flotante, acompañado dun violoncelo nun concerto/experiencia visual e sonora que navega entre a mini opera pop e a traxedia antiga. A obra titúlase “Dois sistemas solares”, e foi creada pola artista Delphine Coutant, unha muller que se autodefine como unha trobadora do século XXI.
Durante seis días sucederanse concertos de distintos estilos con artistas vindos de distintos recunchos do mundo e que compoñen un mosaico musical que xa forma parte da esencia deste festival transfronteirizo.
Nomes propios de traxectoria como Vitorino Almeida, Katia Guerreiro ou Cremilda Medina compartirán escenarios de gran valor histórico e patrimonial e alternaranse con voces máis emerxentes como Antía Muiño, recentemente galardoada nos Premios Martín Codax, ou coas innovadoras propostas musicais de Néboa, un mix de música tradicional galega e pop alternativo, un pop-folk con toques de electrónica.
Pero IKFEM sigue sendo fiel á súa propia alma, e será o artista Abraham Martínez quen fará soar o maxestoso órgano barroco da Catedral de Tui. Tamén na Catedral de Tui e no Convento de Ganfei, en Valença, o organista Abraham Martínez, da Fundación Alqvimia Musicae, e a artista visual Beatriz Rivas, crearán por primeira vez, experiencias únicas de música e artes visuais.
Noutra igrexa, a de Santo Domingo, o artista Daniel Pereira ofrecerá un concerto monográfico de Beethoven, cas súas catro míticas sonatas. Un concerto inclusivo no que se utilizarán mochilas vibratorias para potenciar a experiencia e axudar a gozar da música a persoas con discapacidade auditiva.
En liña coa súa diversidade, o IKFEM programará tamén o son e ritmos caribeños, que chegarán da man de Pilar & Arabel Moráguez, cun concerto da canción cubana e a estrea mundial dunha composición do artista cubano Leo Brower.
Os máis pequenos tamén terán a súa propia oferta musical co espectáculo Elektrofadas. O Día de Galicia, o 25 de xullo, o grupo Arume de Malvas ofrecerá un concerto de música tradicional galega.
Os encontros cos artistas e as masterclass terán lugar no Espazo Xove. Nesta ocasión serán cinco os ‘́Balcóns de IKFEM´, punto de encontro e diálogo sobre o emprendemento artístico, adicado, fundamentalmente, aos artistas emerxentes. Pódese asistir presencialmente ou seguilo en streaming a través da canle de Facebook de IKFEM.






