Inicio Galicia Galicia reforza a alianza turística con Xapón a través dun protocolo de...

Galicia reforza a alianza turística con Xapón a través dun protocolo de colaboración que afondará na difusión e promoción conxunta do Camiño de Santiago e do Camiño Shikoku1

Galicia-reforza-alianza-turística-Xapón-protocolo-colaboración-afondará-difusión-promoción-conxunta-Camiño-Santiago-Camiño-Shikoku

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e representantes das prefeituras xaponesas polas que pasa o Camiño Shikoku Henro — Tokushima, Kochi, Ehime e Kagawa–, asinaron hoxe un protocolo de colaboración en torno a esta ruta de peregrinación e ao Camiño de Santiago.

O presidente considera o acordo moi útil para deseñar proxectos de colaboración a distintos niveis, encamiñados á valorización de ambas as rutas e buscando resaltar os seus valores patrimoniais, paisaxísticos, culturais e espirituais

Galicia-reforza-alianza-turística-Xapón-protocolo-colaboración-afondará-difusión-promoción-conxunta-Camiño-Santiago-Camiño-ShikokuO acordo permitirá reforzar a alianza turística entre Galicia e Xapón, xa que se une a outras accións conxuntas levadas a cabo neste eido ao longo das últimas décadas, entre as que destaca o irmandamento existente entre o Camiño de Santiago e o Camiño Kumano Kodo desde 1998 e que se viron reforzadas pola visita a Galicia do Príncipe Naruhito en 2013, así como pola viaxe realizada polo presidente da Xunta a Xapón o pasado exercicio. Cara ao futuro, a partir de agora e baseándose no protocolo desbloqueado hoxe no Pazo de Raxoi, a Xunta tamén levará a cabo actividades de difusión e promoción conxunta co Camiño Shikoku, outra das rutas de peregrinación máis importantes do país nipón.

Destaca a sinatura como “unha gran ocasión para que Galicia incremente o seu protagonismo entre a oferta de destinos que contemplan os viaxeiros da terceira economía do mundo”

Durante a súa intervención, o presidente da Xunta considerou que o acordo certifica “unha colaboración institucional e un frutífero diálogo entre Xapón e Galicia” e mostrouse convencido de que será moi útil para deseñar e executar proxectos de colaboración a distintos niveis, encamiñados á valorización de ambas as rutas, buscando resaltar e promover os seus valores patrimoniais, paisaxísticos, culturais e espirituais.

Asegura que Galicia traballará para lograr a categoría de Patrimonio Mundial para o Shikoku Henro e a partir de entón preparar o irmandamento de ambas as dúas rutas de peregrinación, ao igual que se fixo en 1998 co Camiño Kumano

Así, explicou que ao abeiro deste acordo, Galicia traballará conxuntamente coas provincias xaponesas polas que transcorre o Camiño Shikoku Henro para que esta ruta logre a categoría de Patrimonio Mundial e a partir de entón preparar o irmandamento de ambas as dúas rutas de peregrinación, tal e como se fixo co Camiño Kumano.

Importancia do turismo xaponés
Na opinión do presidente, reforzar os lazos turísticos con Xapón é unha gran oportunidade para que Galicia siga incrementando o seu protagonismo entre a oferta de destinos que contemplan os viaxeiros da terceira economía do mundo. Non en van, recordou que en 2014, dos turistas internacionais que chegaron a Galicia, un total de 13.309 procederon do Xapón, un 28,4% máis que no ano 2013. Ademais, os viaxeiros nipóns realizaron 20.533 pernoitas e, entre eles, un total de 1.095 fixérono a través do Camiño de Santiago, o que significa un 23,28% máis que no ano 2013.

Feijóo amosou a súa convicción de que todos os turistas nipóns “forman xa unha eficaz rede de embaixadores simbólicos de Galicia en Xapón, que divulgan con entusiasmo as virtudes que atesoura a nosa terra” e contribúen así a seguir acrecentando unha tendencia turística en crecemento que a Galicia lle interesa desde o punto de vista cultural, pero tamén económico.

Ao fío desta idea, o presidente da Xunta sinalou a importancia do Camiño de Santiago para facer do turismo un dos piares da nosa economía, tanto que esta industria achega hoxe máis do 10% do PIB e emprega ao 11% da poboación ocupada.Deste xeito, Feijóo encomendou ao turismo a capacidade de impulsar unha recuperación económica forte e sustentable.

Impulso ao Camiño de Santiago
O acordo asinado entre as institucións galega e nipoas pretende unir os territorios de Galicia e a illa de Shikoku a través do fenómeno da peregrinación, mediante a promoción de actividades de difusión sobre ambos os dous Camiños que potencie as súas respectivas ofertas turísticas no ámbito cultural; xerar fluxos turísticos entre Xapón e Galicia mediante novas actuacións; así como organizar periodicamente encontros de carácter cultural e científico que contribúan a afondar no mutuo coñecemento e na conservación e transmisión de ambas as rutas de peregrinación de milenaria tradición.

Esta colaboración súmase a outras accións que está levando a cabo a Xunta para seguir reforzando a universalidade das rutas xacobeas, como o Plan director dos Camiños de Santiago ou a folla de ruta para aproveitar a recente declaración dos Camiños do Norte como Patrimonio Mundial. Ao longo dos anos percorren as rutas xacobeas entre 100.000 e 200.000 peregrinos, aínda que estas cifras van en aumento. En 2014 rexistráronse máis de 237.000 peregrinos e cada vez son máis os estranxeiros que coñecen e realizan esta ruta. Xa no ano pasado, máis da metade dos peregrinos proviñeron de fóra de España, concretamente de máis de 150 nacionalidades diferentes.

Shikoku Henro
O Shikoku Henro é un viaxe de peregrinación polos 88 templos de Shikoku. A distancia total do percorrido por estes lugares sagrados, asociados co gran monxe Kobo Daishi Kukai, é de máis de 1.400 quilómetros. Conta a historia que hai 1.200 anos Kobo Daishi Kukai fixo esta peregrinación para a súa formación persoal. A peregrinación fíxose moi popular durante os comezos do período Edo. Na actualidade participan cada ano unhas 150.000 persoas. Entre os peregrinos hai turistas chegados de todas as partes do mundo, que fan o percorrido por diversas razóns.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

+ VISTOS

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies