A Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais)e a Oficina MEDIA España organizan esta xornada, que terá lugar na Biblioteca da Cidade da Cultura no marco de Galicia Profilme, o ciclo formativo dedicado a profesionais do audiovisual galego
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universiatria ofrecerá mañá en Santiago unha nova entrega de Galicia ProFilme, o ciclo de formación continua para profesionais do audiovisual que organiza a través da Agadic, dedicado nesta ocasión ás axudas para produtores independentes que convoca o programa MEDIA da Unión Europea.
A sesión, que comezará ás 10:45 horas no auditorio da Biblioteca da Cidade da Cultura, no Gaiás, e contará coa presenza de Peter Antermatt, director da Oficina MEDIA España, abrirase cunha panorámica do programa MEDIA como apartado de Europa Creativa, o novo epígrafe que agrupará ata 2020 as subvencións europeas para todo o ámbito cultural. Discorrerán a continuación tres intervencións centradas, respectivamente, nas axudas a desenvolvemento e acceso ao mercado audiovisual, nas axudas de programación e distribución televisiva; e no crecemento de audiencias e ‘Media Literacy’, o plan de alfabetización e educación audiovisual.
A última parte do encontro, a partir das 15:00 horas, dedicarase a que os profesionais galegos inscritos poidan levar a cabo reunións individuais nas que consultar casos concretos. A asistencia á xornada é gratuíta, previa confirmación a través do correo electrónico audiovisual.agadic@xunta.es.
Esta é a terceira convocatoria formativa que se organiza este ano no marco de Galicia ProFilme, despois das realizadas os pasados 2 de outubro sobre ‘marketing online’ para a promoción do audiovisual e 22 de outubro a propósito de técnicas de ‘pitching’ para guionistas.



