O mes que acaba de rematar deixou incontables homenaxes a Carlos Casares, parte delas alén das catro provincias. O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, participou na programación da comunidade galega en Xenebra co gallo do Día das Letras Galegas. Bruxelas, Londres ou Barcelona son outras das cidades europeas que se sumaron á festa. Á outra beira do Atlántico, as celebracións repetíronse en distintos puntos de Arxentina, Cuba, Uruguai ou os Estados Unidos.
O presidente da RAG visitou a fin de semana pasada as sociedades A Nosa Galiza e a Irmandades Galega na Suíza, nas que falou sobre o protagonista do Día das Letras Galegas desre ano. Ambas as entidades, fundadas en 1967 e 1973, respectivamente, son boa mostra do traballo a prol da cultura galega que desenvolven tanto os emigrantes de primeira xeración como os seus fillos e fillas alá nos países que os acolleron. “A Galicia exterior tamén existe, é un capital simbólico, cultural e incluso económico que debemos aproveitar, porque na era da globalización as redes, cando están intelixentemente conectadas, son unha riqueza”, salienta Víctor F. Freixanes.
Con distinta intensidade, as celebracións repetíronse noutras cidades suízas como Zurich, Basilea, Lousanne ou Zug, onde a comunidade galega convidou o escritor limiao Antón Riveiro Coello a impartir unha conferencia Casares.
En Londres, a celebración saíu á rúa: un cento de galegas e galegos residentes na capital británica compartiron un encontro no que non faltaron as lecturas públicas de textos de Carlos Casares nin a música da terra. E tamén houbo festa no colexio Cañada Blanch, onde por quinto ano consecutivo o alumnado recibiu a estudantes do IES Xulián Magariños de Negreira para renderlle homenaxe conxunta a Carlos Casares.
O escritor ourensán tamén foi homenaxeado en territorio peninsular. A Biblioteca de Lletres da Universitat de Barcelona acolleu a exposición Carlos Casares, coleccionista de historias e o último seminario mensual sobre cultura galega organizado entre esta institución académica e a Universitat Autònoma de Barcelona estivo dedicado ao narrador. O programa incluíu a proxección do documental Contando a Carlos Casares, unha conversa co director, Gonzalo E. Veloso, e a lectura de textos do autor homenaxeado.
Barcelona tamén participou con dous dos vídeos nos que alumnas e alumnos da Rede de Centros de Estudos Galegos len fragmentos de obras de Carlos Casares en galego e na súa lingua nai. As gravacións poden verse nesta ligazón xunto a outras achegas procedentes de Francia, Italia, Portugal ou Estremadura. Unha conferencia sobre Carlos Casares, un concerto dedicado a poetas galegos e a I Xornada do Audiovisual Galego, celebrada do 16 ao 25 de maio, completaron a programación do Centro de Estudos Galegos de Cáceres.
Lecturas públicas, teatro e conferencias en Arxentina
A outra beira do océano, no barrio porteño de Once, o Día das Letras Galegas continúa ata o vindeiro 12 de xullo. Nesa xornada o Instituto Arxentino Galego Santiago Apóstol representará, xusto antes das vacacións de inverno, Lela anda en bicicleta, unha versión teatral do Lolo anda en bicicleta de Carlos Casares e todo un símbolo do vivas que seguen as letras e a cultura galegas na Galicia alén mar.

Aproveitando a celebración da 43º edición da Feira Internacional do Libro de Buenos Aires, o alumnado contou en maio coas visitas de escritores de distintas xeracións, desde Luís González Tosar e Antón Riveiro Coello a Inma López Silva e Andrea Maceiras. Pero nestas datas profunda na figura homenaxeada pola Real Academia Galega. “Nas aulas os nenos e nenas, mozos e mozas, estanse achegando á figura de Carlos Casares e todos os traballos desenvolvidos culminarán o 12 de xullo cun grande acto no salón de actos Valle Inclán do Centro Galicia coa representación de Lela anda en bicicleta“, conta o director xeral do centro e membro correspondente da RAG, Carlos Brandeiro. Os estudantes de 1º grao afondaron nas páxinas de A galiña azul, os de 4º contaron na aula cun dos seus personaxes, a formiga esquiadora, e os de máis idade poden achegarse directamente ás súas obras nos “recreos literarios”, engade.
O propio Día das Letras Galegas o Centro Galicia de Buenos Aires acolleu unha lectura colectiva aberta ao público de textos de Carlos Casares. Os participantes, entre os que estiveron Carlos Brandeiro e a tamén académica correspondente Débora Campos, puideron compartir as súas experiencias como lectores das súas obras e ver unha exposición de libros do autor. Dous días despois, o Centro Galego de Buenos Aires escolleu o Teatro Castelao como escenario da velada cultural organizada para conmemorar esta data. O xornalista Ramón Suárez O Muxo foi o encargado de ofrecer un relatorio sobre Carlos Casares e o coro da institución, dirixido por Gabriel Lage, púxolle o ramo musical á noite. Días antes, o presidente do Pen Club Galicia, Luís González Tosar, ofreceu o seu retrato de Casares nunha conferencia pronunciada na Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina.
Fóra da capital pero aínda na provincia de Buenos Aires, a narrativa infantil centrou a homenaxe do Centro Galego de Azul, que organizou o pasado 20 de maio un encontro no Hogar Sagrado Corazón no que os nenos puideron escoitar contos de Casares. Ese mesmo día, o Centro Galego de Mar del Plata celebrou a Romaría Día das Letras Galegas, con actuacións musicais e unha disertación sobre o escritor, mentres que o Centro Galego de La Plata elixiu a fin de semana anterior para a súa celebración. Carlos Casares tamén foi homenaxeado no Centro Galego de Santa Fe (Santa Fe), e no Centro Galego de Rosario (Santa Fe).
De Montevideo e A Habana a Nova York
En Uruguai, a Casa de Galicia de Montevideo acolleu o 17 de maio a festa do Día das Letras Galegas organizada por esta entidade e o Centro Social e Cultural Bergantiños. Ismael Martínez foi neste caso quen impartiu unha charla sobre Carlos Casares antes de dar paso á música e o baile tradicionais.
As Letras Galegas contaron igualmente con festa propia no Caribe. A Federación de Sociedades Galegas de Cuba xuntou as entidades galegas da Habana o pasado día 20 nun encontro no que tampouco faltou unha aproximación á vida e á obra de Casares nin a música tradicional. O día 27 o pazo do Centro Galego da Habana acolleu outra velada cultural organizada por numerosas sociedades galegas da illa e a Cátedra de Cultura Galega da Universidade da Habana.
En Brasil desenvolvéronse iniciativas como a da Universidade de São Paulo, onde o Centro de Estudos Galegos convidou o 17 de maio ao profesor Gabriel Torres Madureira a impartir unha conferencia sobre o autor homenaxeado.
En Norteamérica, a Casa de Galicia de Nova York recordou o escritor nunha festa celebrada o pasado domingo, 21 de maio. Nesta ocasión foi o profesor do Brooklyn College – City University of New York Alejandro Alonso quen pronunciou un relatorio sobre Carlos Casares. A música puxérona o coro de Casa de Galicia e a banda de gaitas Terra A Nosa.



