Inicio Galicia Galicia aposta pola implicación da sociedade na loita contra os residuos mariños...

Galicia aposta pola implicación da sociedade na loita contra os residuos mariños con accións como a campaña ‘Bye, Bye plástico’

Galicia aposta pola implicación da sociedade na loita contra os residuos mariños con accións como a campaña ‘Bye, Bye plástico’A campaña de sensibilización do Executivo autonómico busca crear unha comunidade activa e implicada na loita contra os residuos plásticos no mar e na defensa dun futuro ambiental sustentable

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou hoxe o traballo realizado por Galicia na loita contra os residuos mariños coma o plástico, un ámbito no que, segundo destacou a titular de Mar, a comunidade autónoma galega está á vangarda con accións como os proxectos que contan con financiamento da Consellería do Mar e que se enmarcan no plan Mar Limpo e a campaña de concienciación Bye, bye plástico, coa que o Executivo galego pretende dar visibilidade ao problema medioambiental que supón o consumo excesivo de plásticos e a súa chegada ao mar.

Así o expuxo durante a clausura telemática da VII conferencia internacional ARVI sobre o futuro da pesca e baixo o título A pesca ante o cambio climático: impacto, adaptación e mitigación. Alí tamén deu conta da incidencia dos residuos mariños que proceden nun 80% da terra e lembrou que o plástico que remata no mar tarda 400 anos en desaparecer. Nesta liña Rosa Quintana sinalou que a erradicación dos residuos mariños é un dos maiores retos ambientais da Administración galega e tamén da sociedade.

Con ese cometido xorden accións como as axudas por importe de máis de 275.000 euros, destinadas a proxectos para a protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas mariños nunha dobre vía. Por unha banda a actividades de recollida activa de lixo mariño coa colaboración de preto de 200 profesionais e cinco embarcacións e por outra banda a actividades de recollida pasiva de residuos procedente das faenas ordinarias da pesca e do marisqueo a pé, coa colaboración de arredor de 400 profesionais do marisqueo a pé e oito embarcacións.

Nestes proxectos, explicou a conselleira, “os actores que viven do mar convértense en absolutos protagonistas da súa recuperación, en favor dun ecosistema máis saudable, produtivo e bioloxicamente diverso”.

A isto súmase a campaña de concienciación da Xunta Bye, bye plástico, que pon o foco na cultura de usar e tirar, hoxe agravada polo contexto de pandemia no que as máscaras e as luvas para loitar contra a covid-19 comezan a estar presentes nos mares converténdose nun problema. Neste sentido, Rosa Quintana advertiu da necesidade de ser conscientes “do impacto que a poboación irresponsable xera na saúde de todos e no medio mariño” e ese é o fin da campaña que busca crear unha comunidade activa e implicada na loita contra estes residuos e na defensa dun futuro ambiental sustentable.

Ademais a titular de Mar destacou o labor do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar) con proxectos de investigación do para protexer, rexenerar e mellorar a xestión do medio e dos recursos mariños e o do Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar) a través de diferentes iniciativas que fan fincapé na loita contra a contaminación mariña accidental.

En relación á loita contra o cambio climático a conselleira do Mar fixo fincapé na necesidade de adoptar políticas ambiciosas, medidas efectivas e accións de resultado medible para facerlle fronte. Neste eido puxo como exemplo o labor que vén desenvolvendo Galicia, “que está servindo de exemplo a outras rexións nacionais e europeas” coa aprobación das estratexias de Economía Circular 2020-2030 e de Cambio Climático e Enerxía 2050 e coa futura Lei de Residuos, que está en vías de tramitación parlamentaria. Esta normativa, expuxo Rosa Quintana, “intensificará a loita contra os plásticos que supoñen unha ameaza para os ecosistemas”.

Conferencia internacional de ARVI

A VII edición da conferencia internacional ARVI estivo centrada na incidencia do cambio climático na pesca e nela diferentes expertos con experiencia na materia analizaron e debateron durante hoxe e onte sobre este tema, as potenciais medidas de adaptación que deberá implantar o sector e como estas poden contribuír á mitigación do cambio climático. Unha das participantes foi a directora do Intecmar, Covadonga Salgado, que interveu no panel no que se abordou o papel da pesca na mitigación do cambio climático.

Durante a clausura, a conselleira do Mar agradeceu á Cooperativa de Armadores do Porto de Vigo o seu labor na organización desta conferencia que se converteu nun evento referente e recoñeceu a traxectoria de máis de 50 anos de ARVI, o que a converte “no colectivo de armadores de buques pesqueiros máis importante de España e un dos máis relevantes de Europa”.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

Publicidade

+ VISTOS

Publicidade
Publicidade



Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies